Resumimos en 33 medidas os principais contidos do noso programa electoral. Xogamos coa data das eleccións, o 28 do quinto mes, para obter a cifra coa que quixemos numerar esta relación.
1 Pontevedra, un Fervedoiro Cultural. Pontevedra volverá formar parte dos circuítos culturais nacionais e internacionais, con grandes concertos e actividades de diferentes disciplinas, pero fomentando, en igual medida, a cultura local, a nosa canteira cultural, apoiando iniciativas que transformen a cidade e dando pulo a artistas e creadores de aquí. Impulsaremos o emprego e as industrias culturais, procurando a colaboración coas Facultade de Belas Artes e Comunicación e coas empresas vencelladas ao sector cultural.
2 Novos equipamentos: A Praza de Touros e a Fábrica de Cultura. Máis cultura, par máis infraestrutura. Procurase un acordo cos propietarios que permita a transformación da Praza de Touros nun espazo polivalente que acolla grandes eventos musicais, culturais ou deportivos ao longo de todo o ano. Crearemos, ademais, no vello edificio de Facenda (San Francisco) a “Fábrica de Cultura”, un espazo polivalente ao servizo dos artistas e a cultura local, que conte cun auditorio de capacidade media, unha caixa de teatro desmontable, sala de ensaio para corais ou grupos teatrais e de música, oficinas de empresas culturais, servizos xerais de cafetería, administración, etc., ademais de oferta formativa para mellorar a cualificación dos profesionais do sector cultural.
3 Centro de Interpretación do Camiño Portugués a Santiago. Crearase este centro co obxectivo de consolidar a Pontevedra como capital do Camiño Portugués, impulsando estudos e eventos que favorezan a chegada de máis visitantes e permitan potenciar aínda máis o Camiño como motor económico do noso concello.
4 Colexios abertos polas tardes e as fins de semana para todos e para todas. As pistas e instalacións polideportivas, os pavillóns, os campos de fútbol e os parques infantís dos colexios estarán abertos, fóra do horario lectivo, para o uso libre por parte da cidadanía, incrementando, así, a oferta deste tipo en cada zona do concello.
5 Pontevedra en Inglés. Crearemos un programa de axudas municipais, en función da renda familiar, destinado a financiar cada verán estancias de 3 semanas no Reino Unido e Irlanda para os alumnos e alumnas de secundaria que desexen mellorar o seu nivel de inglés.
6 Mantemento e renovación de todos os colexios. Duplicarase o orzamento destinado ao mantemento dos colexios dependentes do Concello, elaborarase un Plan de Mellora e Conservación das Instalacións Educativas, que organice as necesidades e investimentos ao longo do mandato, farase unha revisión anual de cada centro e mellorarase o sistema de aviso dos colexios ao Concello para atender en tempo e forma ás emerxencia e necesidades de mantemento.
7 Máis instalacións deportivas. A cidade na que se fai máis deporte non pode ser a que teña menos instalacións deportivas. Incrementarase o número de campos de herba artificial, homologando algúns deles para múltiples deportes, como o fútbol, o rugby ou o béisbol; construiranse novos pavillóns municipais e organizarase desde o concello o uso dos pavillóns escolares, que serán postos a disposicións de clubes de todas as disciplinas fóra do horario lectivo para incrementar a oferta de horas de pista. Tamén os deportes de auga precisan de máis e mellores instalacións, potenciando o uso do Lérez para esta fin e chegando a un acordo definitivo sobre o uso da piscina olímpica de Pontemuíños.
8 Máis deporte feminino en equipo. Potenciarase a creación de equipos femininos en todas as disciplinas deportivas, especialmente naqueles deportes tradicionalmente masculinos, de tal xeito, que as rapazas podan ter a mesma progresión deportiva que os rapaces a medida que van medrando. Crearanse, tamén, en todas as instalacións deportivas municipais vestiarios femininos, actualmente case inexistentes.
9 Pontevedra, a cidade da Igualdade. Pontevedra ten que ser a cidade na que as mulleres vivan absolutamente iguais e para iso, entre outras cousas, é necesario desenvolver un programa anual actividades cos centros educativos, fortalecer o persoal e orzamento do Centro de Información á Muller, introducir a perspectiva de xénero na contratación pública, elaborar un protocolo de actuación fronte o acoso sexual ou aprobar un Plan de Igualdade que teña en conta as necesidades específicas das mulleres en diversos ámbitos: rural, urbano, laboral, mulleres con discapacidade, educación, mocidade, terceira idade, etc.
10 Pontevedra Flúe contra o cambio climático. Partindo dos máis de 30 millóns de euros de fondos europeos que xa ten concedidos o Concello para a estratexia Pontevedra Flúe, renaturalizarase e reverdecerase a ribeira do río Lérez na zona urbana, recuperaranse os terreos de Costas do Estado en todo o Concello (parcela do Pavillóns dos Deportes, Mollavao, praia de Pontesampaio) e espazos naturais como a Xunqueira de Alba, ademais de completar a apertura e recuperación do río dos Gafos ata as Corbaceiras, controlar o Rego de Valdecorvos para evitar as inundacións en Padre Fernando Olmedo e crear unha rede de sendas fluviais que conecte o centro urbano cos parques forestais do Concello.
11 Unha cidade 3-30-300. Xunto coa recuperación dos espazos naturais potenciaremos o verde urbano, a fin de acadar o obxectivo 3-30-300: ver dende a ventá da túa casa, polo menos, 3 árbores, dispor do 30 % de superficie verde no teu barrio e dun amplo parque a menos de 300 metros do teu domicilio. Unha cidade máis verde é unha cidade máis saudable para todos e todas.
12 Conexión peonil con Marín e Poio. En colaboración co Goberno de España, rematarase o paseo marítimo ata Marín e prolongarase o paseo do Lérez desde Bombeiros ata Poio, conectándoo coa senda costeira que chega ata Combarro.
13 Pontevedra máis limpa. Porase en marcha o novo servizo de limpeza viaria e de recollida do lixo, incrementando a frecuencia e renovando os contenedores en todo o concello, eliminándoos no centro histórico e evitando a recollida do lixo en horas diurnas.
14 Novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Desbloqueo da revisión do plan de urbanismo, a fin deseñar ordenadamente o crecemento do concello, xerar novo solo industrial e de servizos, delimitar os núcleos rurais, permitindo o asentamento de poboación nas parroquias e axilizar os trámites de concesión de licencias.
15 Vivenda a prezo razoable. Mediante acordos con particulares e con outras administracións, ademais de valerse do aproveitamento urbanístico que lle corresponde ao Concello no desenvolvemento de determinadas promocións privadas, crearase un parque municipal de vivendas en aluguer que permita o acceso á vivenda a prezos razoables.
16 A Oficina Estratéxica de Pontevedra. Crearase dentro do Concello unha oficina técnica de plans estratéxicos, especializada na elaboración de proxectos de diversas áreas (empresa, comercio, hostalería, turismo, mobilidade, medio ambiente, ensino, deporte, igualdade, discapacidade…) que permitan a captación de fondos procedentes doutras administracións, principalmente da Unión Europea, para investir en Pontevedra e mellorar a nosa competitividade.
17 Máis solo industrial. Reclamarase a ampliación do Polígono Industrial do Campiño e, no marco da revisión do PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal), xeraranse novas zonas de solo industrial, que permitan a captación de novas empresas, principalmente vinculadas á economía verde, a expansión das que xa temos e, con todo isto, a xeración de máis emprego e futuro no noso concello.
18 Hostalería como motor da cidade. De acordo co sector, axilizaranse e simplificaranse as licenzas de actividade, solicitando á Xunta de Galicia a súa adaptación á realidade e aos modelos de negocio actuais. Potenciarase a formación e crearase un selo de sustentabilidade, ademais de facilitar a actividade e potenciar as iniciativas dun sector que ten que ser un dos principais motores económicos do municipio.
19 Comercio local para a Pontevedra de hoxe. Impulso do comercio dixital, promovendo unha plataforma municipal de venda e distribución que adapte o comercio local ás novas formas de consumo e palíe a competencia salvaxe das grandes plataformas.
20 Máis e mellor aparcamento disuasorio. Incremento das prazas de aparcamento gratuíto no perímetro do cidade, estudando as posibilidades de conexión destes aparcadoiros disuasorios co centro urbano.
21 Transporte público de verdade. Solicitaremos a revisión de horarios e paradas das actuais liñas de autobús (L1 e L2) axustándoas ás necesidades dos usuarios/as e a inclusión do tren a Vigo e Vilagarcía no Plan de Transporte Metropolitano de Galicia, para abaratar o prezo da viaxe e poder combinar os billetes de tren e bus sen custe a maiores. Estudaremos, ademais, o mellor modelo de conexión das parroquias co centro urbano, con autobús, mediante transporte a demanda ou combinando ambos medios.
22 Unha cidade para a bicicleta. Actualizarase a ordenanza de mobilidade para fomentar o uso da bicicleta, habilitando o dobre sentido nas rúas de carril e sentido único para os automóbiles, creando unha malla de carrís bici interconectados nas vías perimetrais da cidade, que conecten o centro urbano coas parroquias e os concellos limítrofes e instalando aparcadoiros seguros de bicicletas en diversos puntos do concello.
23 Nova avenida Raíña Victoria. Acometer unha reforma integral desta rúa e da súa contorna, abríndoa ao Parque das Palmeiras e transformándoa nunha vía de plataforma única que aumente o espazo peonil e permita o paso de vehículos para residentes e para o acceso a comercios e servizos, ao tempo que se poda empregar, tamén, noutras ocasións, como unha gran praza pública para a celebración de eventos de todo tipo.
24 Areas de Rehabilitación Especifica nos núcleos rurais. Creranse en cada parroquia áreas deste tipo, similares ao ARI (área de rehabilitación integral) do centro histórico, a fin de poder acceder a axudas públicas para a rehabilitación de vivendas e a extensión de servizos, contribuíndo así a fixar máis poboación no rural.
25 Completar o abastecemento e saneamento do rural. Extensión a todos os núcleos de poboación da rede de saneamento e de auga potable, con criterios claros e transparentes, minimizando as vivendas que queden excluídas en cada fase e aplicando unha bonificación do IBI a quen se vexa nesta situación.
26 Simplificación das licenzas e trámites administrativos: un concello máis áxil. Revisaranse todos os procedementos administrativos e os recursos humanos de cada área, a fin simplificar os trámites dos veciños e veciñas ante o concello, especialmente a concesión de permisos e licenzas urbanísticos e a solicitude e xustificación das subvencións municipais.
27 O Hospital Provincial para usos sanitarios. Unha vez que entre en funcionamento o novo hospital de Montecelo, manteranse os usos sanitarios do Hospital Provincial, para, por exemplo, dotalo dun servizo de urxencias extrahospitalarias, unidade de saúde mental comunitaria, servizo de rehabilitación, centro de orientación familiar, camas para atención de enfermos crónicos ou hospital de día para persoas dependentes.
28 Servizos Sociais para unha capital de provincia. Incrementar o orzamento (15%) e o persoal da área de Benestar Social, a fin de mellorar a atención aos usuarios/as. Aumentar nun 20% o presuposto e o número de beneficiarios do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), xa duplicado neste mandato. Crear a Oficina da Dependencia para axilizar e reducir a espera nos trámites previos á valoración da Lei de Dependencia.
29 Pontevedra, unha cidade 8-80. Deseñar todos os espazos públicos da cidade co criterio 8-80, é dicir, atendendo ás necesidades dos menores de 8 anos e dos maiores de 80, de xeito que se responda, así, ás necesidades de todos os grupos de idade e teñamos unha Pontevedra para todos e todas.
30 A cidade dos nenos e das nenas. Ademais de incluír a perspectiva infantil en todas as actuacións e espazos públicos, seguirase ampliando a rede de parques para os máis pequenos/as en cada barrio e parroquia do concello, consolidando en Rafael Areses, en torno ao parque de xogos de auga, unha gran zona de ocio infantil con xogos e elementos de gran formato.
31 Inclusión en todos os ámbitos. Todas as actuacións en espazos públicos terán en conta as diversas necesidades das persoas con discapacidade: accesibilidade, itinerarios con pictogramas, cambiadores inclusivos, parques e mobiliario urbano adaptados, semáforos acústicos, etc. Creación da Mesa de Cohesión Social para facer partícipes
32 Ordenanza de Benestar Animal. En colaboración cos colectivos cidadáns, elaborarase unha ordenanza que regule a tenencia de animais de compañía, garanta o seu benestar, dea formación aos seus donos/as, cree un censo municipal con rexistro de ADN e aposte pola creación dunha rede de parques caninos en todo o Concello.
33 A Casa das Asociacións. Edificio municipal no que as diversas entidades que traballan en Pontevedra conten cun local propio, ademais servizos e zonas comúns; deseñado de acordo con elas para atender as necesidades de cada colectivo.