Programa de Benestar Social

CONSIDERACIÓNS PREVIAS 

PÚBLICOS, PRÓXIMOS E DE CALIDADE

O sistema público de SERVIZOS SOCIAIS debe responder aos principios de solidariedade, universalidade, igualdade, non discriminación, proximidade, atención personalizada, en tanto que as políticas sociais son un DEREITO DE CIDADANÍA e fomentan a convivencia e a inclusión social.

Os DEREITOS SOCIAIS, recoñecidos na Constitución, supoñen a capacidade para esixir a atención ás necesidades sociais, aquelas ás que non se pode dar resposta de modo individual, o que implica a obriga dos poderes públicos de proporcionar os instrumentos que posibiliten a satisfacción das mesmas. É o labor de escoita, diagnóstico social e acompañamento a esencia da intervención en Servizos Sociais.

Cando empezaban a superarse as consecuencias da crise económica un fenómeno novo, a pandemia COVID, condicionou toda a vida da nosa sociedade e puxo en xaque todos os sistemas incluído o de protección social. Desde o concello adoptáronse medidas de urxencia para atender á poboación máis vulnerable nesas circunstancias, o que significou un enorme e loable esforzo por parte do persoal da área.

Xa que logo, o noso primeiro e gran compromiso para continuar o traballo desenvolvido ata o de agora é dotar aos Servizos Sociais Municipais dos medios humanos e materiais necesarios para dar resposta ás actuais e futuras necesidades da cidadanía, garantindo os seus dereitos sociais.

 

PROPOSTAS

1. Dotar a Pontevedra duns Servizos Sociais que conten con recursos humanos e materiais suficientes para acadar a mellor atención a toda a cidadanía. Para iso, comprometémonos a incrementar o número de Unidades de Traballo Social. Actualmente o concello conta con 9 UTS. Dende o Socialismo consideramos que 13 será o número que permitirá garantir o acceso inmediato da cidadanía aos Servizos Sociais.

2. Adaptar os horarios de atención, axustándoos ás necesidades da cidadanía, así como achegar a atención social ás distintas zonas do municipio, seguindo o exemplo de Monteporreiro, sempre que a dispersión non supoña unha rebaixa na calidade do servizo.

3. Contribuír á conversión dos centros socioculturais das parroquias e barrios en auténticos centros sociais de referencia para toda a poboación da zona.

4. Elaborar e manter actualizada a carta de servizos e prestacións municipais.

5. Fomentar a participación da cidadanía coa creación do Consello Municipal de Servizos Sociais, como órgano consultivo e espazo de encontro do terceiro sector para a posta en marcha de accións de política social axustadas ás necesidades reais da poboación.

6. Elaborar o Plan Inclusión Social permanente como elemento fundamental no proceso de superación das barreiras que poidan impedir a normal integración social, impulsando a inserción laboral das persoas que se atopan en especial dificultade de acceso ao emprego.

7. Prestar unha especial atención á protección da infancia e mocidade. Traballaremos desde o Concello en programas de detección e intervención familiar. Menores que presenten dificultades de adaptación social, absentismo escolar e outras condutas que aconsellen unha rápida e eficaz intervención

8. Garantir claridade e transparencia nas convocatorias de todo tipo de axudas e  subvencións a entidades de iniciativa social, bolsas comedor, material escolar, ludotecas ou calquera outra prestación. Convocatorias abertas a toda a cidadanía con comisións de avaliación nas que estean presentes todos os grupos políticos con representación na corporación.

9. Potenciar o SAF (Servizo de Axuda ao Fogar), tanto de dependencia como básico, así como os programas de coidado aos coidadores, de respiro familiar e atención social domiciliaria de urxencia 24 horas, de modo que se logre suprimir a lista de agarda e responder ás necesidades sociais dun amplo sector da poboación.

10. Favorecer intercambios que promovan a interculturalidade e os valores de coñecemento e aceptación das diversidades. Facilitar a inserción social da poboación inmigrante con servizos de asesoramento e mediación cultural e con obradoiros de cidadanía.

11. Atender a nais e pais con cargas familiares non compartidas, en situación de paro prolongado ou con especiais dificultades de acceso ao mundo laboral, con medidas de acompañamento que inclúan a atención dos menores durante o tempo necesario para asistir a cursos, entrevistas ou talleres orientados á procura activa de emprego.

12. Atender ás necesidades da poboación incrementando na medida das posibilidades e responsabilidades municipais a partida orzamentaria destinada ás axudas de emerxencia social,  garantindo unha xestión rápida e eficaz. Así como facilitar a Tarxeta moedeiro  para a cobertura das necesidades básicas.

13. Impulsar unha rede de aloxamento e centro de día para a atención aos colectivos de transeúntes e persoas sen fogar, homes e mulleres con diversos graos de atención que inclúan unha curta, media e longa estancia na que se traballe de modo integral, co obxectivo de acadar a incorporación social e a autonomía das persoas atendidas.

14. Desenvolver accións contra a soidade e o illamento das persoas maiores, a través de programas comunitarios nos barrios e parroquias para o mantemento da autonomía persoal,  tales como talleres de memoria, actividades ocupacionais ou actividade física.

15. Poñer en marcha programas que faciliten o acceso da poboación de calquera idade en novas tecnoloxías.

16. Manter e incrementar, en función das posibilidades orzamentarias, a participación no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, darlle pulo ao comercio xusto e á compra publica ética.

17. Acordar coas asociacións que traballan no ámbito da discapacidade e a Concellaría de Promoción Económica a mellor maneira de identificar os locais e establecementos de Pontevedra que cumpran cos requisitos de accesibilidade.