Desenvolvemento local da Lei de Memoria Democrática nos seus aspectos relativos ao cumprimento da eliminación da simboloxía franquista, á recuperación da conciencia da historia colectiva e a súa difusión, ao recoñecemento das persoas e familias que foron obxecto de represión e ó fomento dos valores democráticos, así como dos principios, liberdades e dereitos constitucionais.
Elaboración, sempre que sexa posible, dun censo de vítimas da represión no municipio.
Pulo á constitución dunha “Mesa Local da Memoria”, onde estarán representados a administración local, as entidades memorialistas, historiadores locais, organizacións ou colectivos afectados pola represión e familiares de vítimas, de cara a desenvolver moitas destas propostas dende o máis amplo consenso e supervisar o cumprimento da Lei de Memoria Democrática.
Especial atención ao papel que desenvolveron as mulleres na loita polas liberdades e dereitos fundamentais, recuperando tamén a súa memoria, esquecida dobremente por razóns políticas e de xénero. As mulleres non só foron obxecto da represión senón que tamén se tiveron que poñer á fronte de familias orfas e sen medios. Asemade, pasaron a ser relegadas ao tradicional papel de amas de casa, sufrindo discriminación educativa, económica e social.