CONSIDERACIÓNS PREVIAS
A práctica deportiva é un fenómeno social de gran transcendencia e moi beneficiosa, tanto para ás persoas que o practican como para as sociedades que os fomentan, mellora a saúde, fomenta a integración e a cohesión social á vez que actúa como un elemento dinamizador da economía.
Polo tanto cómpre concebir a práctica deportiva como un dereito da cidadanía e, en consecuencia, fomentar e garantir desde as institucións o acceso universal ao deporte, sen ningún tipo de discriminación por razón de idade, sexo, condición física, social, cultural ou étnica.
Neste contexto cómpre entender o deporte nun amplo senso, como “actividade física” ou como “ocio saudable” de xeito que se fomenta non só a práctica deportiva en sentido estrito senón calquera forma de exercicio físico.
OBXECTIVOS
Promoción da actividade física das persoa maiores, envellecemento activo
Promover a actividade física entre as persoas maiores, co fin de que o seu envellecemento sexa o máis activo e saudable posible, e mellorando así as súas relacións sociais á vez que se loita contra a soidade, especialmente nas áreas máis rurais.
Lograr una maior cohesión social
Mediante o desenvolvemento e a subvención de programas deportivos que permitan a participación de toda a cidadanía, con especial atención aos colectivos sociais en especial risco de exclusión, e garanta o acceso universal a práctica deportiva.
Manter e ampliar o compromiso co deporte base
Mantendo e ampliando o apoio ás escolas deportivas e ao deporte base dos clubs locais promovendo vínculos entre centros educativos, escolas deportivas municipais e clubs para o impulso ou posta en marcha de actividades deportivas de modalidades atractivas e de interese para todos os tramos de idade.
Educar no deporte e nos valores medioambientais
Fomentar entre as asociacións deportivas, ANPAS e persoas afeccionadas, o xogo limpo, a non violencia e a tolerancia no deporte, e na vida, a todos os niveis.
Do mesmo xeito, promover a practica deportiva e outras actividades en espazos naturais para concienciar sobre a importancia de protexer os valores medioambientais.
Deporte en igualdade
Promover medidas específicas, que sirvan para erradicar a fenda de xénero no acceso a actividade deportiva, así como fomentar o asociacionismo feminino no deporte e ós clubes deportivos.
Ampliación e mellora das instalacións deportivas
Adecuando as instalacións deportivas, facéndoas sostibles e enerxéticamente eficientes así como creando novas instalacións e equipamentos, e en particular aproveitando a localización privilexiada da cidade de Pontevedra para fomentar a práctica de deporte en contornas naturais, como rios e montes.
Fomento da bicicleta como medio de transporte urbano
Ampliación da rede de carrís bici municipal, asegurando unha axeitada conservación e a posible participación dunha rede supramunicipal, impulsando o uso da bicicleta, tamén, como medio de transporte urbano.
Accesibilidade
Eliminación de barreiras arquitectónicas, de xeito que se garanta o acceso á práctica deportiva daquelas persoas que padezan algún tipo de discapacidade.
Impulso á participación cidadá
Estableceranse de canles a través dos que a cidadanía poda trasladar as súas propostas e inquedanzas o cal que permita o mellor aproveitamento das instalacións e a dinamización da oferta deportiva local.
Dinamización da economía local
Mediante a programación de eventos deportivos ao longo de todo o ano que sirvan de reclamo turístico, e a elaboración de campañas de difusión, que os dean a coñecer.
PROPOSTAS
Inclusión e integración
- Ampliación da rede de equipamentos que, coma as pistas de petancas ou outras instalacións que fomenten a actividade física e social das persoas maiores, particularmente en zonas rurais.
- Oferta de actividades dirixidas enfocadas para os maiores nos barrios e parroquias, achegando o deporte ás persoas.
- Organización actividades accesibles, como andainas ou rotas que teña en conta as capacidades deste colectivo, así como das persoa que padezan algún tipo de discapacidade, fomentando a integración e a cohesión social de distintos colectivos.
Deporte na natureza
- Mellora e ampliación do “Bike park” da parque forestal da Fracha. Selar o compromiso coa comunidade de ciclistas de montaña garantindo o axeitado mantemento deste equipamento deportivo, ampliándoo e mellorándoo mediante a incorporación de elementos, respectuosos co medio ambiente, que permitan conservar o trazado das pistas e permitan o seu desfrute en condicións óptimas de seguridade.
- Circuíto de competición de BTT. Aproveitar o enclave privilexiado que o municipio de Pontevedra ten para a práctica deste deporte crear un equipamento para a práctica de modalidades de ciclismo de montaña, como o descenso ou o enduro, e que sirva para a celebración de eventos deportivos.
- Ampliación, mantemento e explotación da rede de parques forestais e rotas de sendeirismo no municipio, programando actividades que poñan en coñecemento a rede de rotas existente no municipio, incorporar novos camiños e sendeiros por paraxes naturais e elaborar un programa de mantemento.
- Impulsar a vía verde. Imprimir un pulo definitivo para que os terreos nos que estaban as antigas vías do ferrocarril podan, por fin, se desfrutadas pola cidadanía e impulsando o uso da bicicleta como medio de transporte interurbano
- Organización de rutas turística polos ríos Lérez e Verdugo para achegar os ríos e a práctica de deportes acuáticos á cidadanía, á vez que se pon en valor a riqueza natural do municipio.
- Rehabilitación dos embarcadoiros dos ríos Lérez e Verdugo coa fin de facelos accesibles para o ocio e desfrute á vez que se poñen en valor, recoñecendo a súa importancia na historia da pesca e da navegación polos ríos do municipio.
- Aposta pola navegación tradicional. Mediante a organización de rutas fluviais e pola ria, así como e escolas para dar a coñecer a técnicas de navegación en embarcacións tradicionais, que como a gamela ou a dorna, forman parte da historia tanto da cidade de Pontevedra e a súa Ría, como de Galicia.
- “Descenso do río Lérez”- Organización dun evento lúdico de carácter popular e accesible a persoas de todas as idades que achegue aos pontevedreses e pontevedresas que o Río Lérez é un espazo de lecer ao alcance de calquera.
- Instalación de elementos de seguridade e fácil extracción na contorna do río Lérez. Consiste na sinalización e colocación de salvavidas e outros elementos de seguridade nas pontes, beiras e zonas de vixilancia para mellorar a seguridade das persoas que desfrutan do Río.
- Fomentar o coidado do medio ambiente mediante a organización de rutas fluviais ou forestais que combinen a actividade física coa retirada de residuos de zonas naturais facilitando a súa recuperación e concienciando sobre a importancia do coidado do medio ambiente.
Deporte Urbano
- Ampliar a rede de Carril Bici para fomentar a práctica do ciclismo con seguridade así como impulsar o uso da bicicleta como medio de transporte urbano comezando pola creación dun carril circular, que de continuidade á rede actual.
- Pump track. Actualizar a actual pista de BMX situada a carón do miradoiro de Monteporreiro, modificando o trazado, pavimentándoo e converténdoa nunha instalación moderna que permita o aprendizaxe, perfeccionamento e competición desta modalidade deportiva.
- Ampliar as instalacións para a práctica do “skate” e outros deportes urbanos, saldando a débeda histórica que esta cidade ten cos practicantes deste deporte. Compre dotar á cidade cunhas instalacións completas e de calidade para practicar estes deportes con seguridade, aptas para aprendizaxe, evolución e perfeccionamento en condicións de seguridade.
- “Festival urbano” Organización dun evento de anual de carácter cultural e deportivo na exhibición e competición en disciplinas eminentemente urbanas, como o skate, bmx, parkour, loitas de galos (e galiñas), etc…
- Creación dun circuíto urbano de ciclismo todo terreo (BTT). Creación dun equipamento novidoso para a práctica e adestramento de modalidades deportivas de montaña a carón do centro urbano que dea servizo aos milleiros de persoas afeccionadas a este deporte.
Novas infraestruturas
- Centro polideportivo de a Parda: Imprimir un pulo definitivo á Xunta de Galicia para que cumpra, dunha vez, co seu compromiso de levar a cabo esta instalación que acumula mais dunha década de retraso.
- Asumir a xestión da piscina Pontemuiños: Compre dar unha resposta contundente para reactivar esta instalación, punteira na súa categoría, asumindo a xestión da mesma en tanto en canto non poda outorgar unha nova adxudicación.
- Cidade do deporte: En colaboración coa a Xunta de Galicia, e o Pontevedra CF promoveremos un complexo deportivo moderno que, sumado á rede de infraestruturas que xa existen na cidade, de resposta as demandas dos clubs de fútbol e dos afeccionados a este deporte.
- Pista de atletismo cuberta,: que no marco da “cidade do deporte” dará resposta as necesidades da comunidade de atletas, que dende hai tempo ven reclamando unha instalación municipal destas características que permita a programación e continuidade nos seus adestramentos ao marxe do clima, así como a celebración de campionatos e eventos deportivos.
- Mellora do campo de futbol do CEIP Xunqueira II. Instalación de herba artificial, permitindo os adestramentos dos clubs en horario non lectivo, integrándoo no complexo Manolo Barreiro. Paralelamente se formalizará un acordo coa Xunta de Galicia que permita uso do campo de fútbol oito do IES A Xunqueira 1.
Outras propostas:
- Convenio con entidades sociais, culturais ou deportivas: Formalizaranse acordos ou convenios de colaboración con entidades do municipio que dispoñan de instalacións e equipamentos deportivos para que este podan ser aproveitados polos clubs da cidade para os seus adestramentos.
- Mellora da xestión deportiva mediante o uso de novas tecnoloxías para mellorar a eficacia, transparencia e celeridade na xestión administrativa do deporte, que garanta a igualdade no aceso ao uso de instalacións deportivas e de resposta as peticións e propostas feitas pola cidadanía no eido do deporte.
- Mellora da eficiencia enerxética. As obras de mantemento e reforma das instalacións desenvolvidas que sexan levadas a cabo o farán tendo en conta os principios de aforro enerxético e respecto polo medio ambiente.
- Mantemento das instalacións. Elaborarase un inventario das instalacións deportivas municipais e un programa de mantemento que garanta que estas se atopen, en todo momento, nun estado óptimo para o seu desfrute e aproveitamento pola cidadanía.