PROPOSTAS DINAMIZACIÓN DA LINGUA GALEGA NA CIDADE DE PONTEVEDRA
Aínda que houbo moitos avances, Pontevedra segue a ser unha cidade fortemente castelanizada e o que pretendemos é achegar a lingua á sociedade con iniciativas que vinculen a nosa lingua coa cultura, coa literatura, coa historia, coa innovación, coas novas tecnoloxías, coa modernidade, co feminismo, coa ecoloxía e a sustentabilidade. A lingua galega será sinónimo de avance, de progreso e de futuro para todos os pontevedreses/as mediante medidas dinamizadoras dirixidas a tres sectores fundamentais: social, empresarial e educativo.
SECTOR SOCIAL
Propostas xerais/para toda a comunidade pontevedresa e ao londo de todo o ano:
Actividades festas tradicionais, locais e datas sinaladas (Samaín, Magosto, os Maios, San Xoán., Nadal, Entroido, Letras Galegas…), mediante actividades lúdicas integramente en galego para todos os públicos: contacontos, concertos, bandas de música, actuacións teatrais e parateatrais, conferencias, obradoiros, concursos literarios….De xeito parello haberá unha preferencia pola contratación de artistas locais para dinamizar o sector cultural da cidade. Alén disto, e en función da ILP Valentín Paz Andrade, tamén se priorizarán aquelas iniciativas que promocionen o portugués e a cultura lusófona.
Propostas específicas para períodos de lecer en galego:
– Ludotecta lingüística para os máis pequenos en períodos non lectivos vacacionais con monitores e actividades en galego.
– Campamentos de inmersión eco-lingüística para os adolescentes. Levaranse a cabo no verán e consistirán no coñecemento da contorna na nosa lingua: camiñadas, sendeirismo, actividades acuáticas… A toponimia terá unha presenza moi importante nestas iniciativas.
– Os maiores tamén contan: actividades orais cos maiores da cidade enfocadas á transmisión interxeracional da lingua e á conservación do noso patrimonio oral.
– Propostas de formación e perfeccionamento na nosa lingua. Coa finalidade de garantir que os membros da nosa comunidade teñan unha competencia solvente na nosa lingua, desenvolveremos cursos gratuítos preparatorios dos Certificados de Lingua Galega, sempre tendo en conta as directrices e convocatorias da Secretaría Xerais de Política Lingüística.
SECTOR EMPRESARIAL E PEQUENO COMERCIO
– “365 días co galego de cara ao público”: Creación dunha rede de establecementos amigos da lingua que se comprometan a utilizar o galego como primeira opción na súa relación co público, tanto de xeito oral como por escrito. Estarán identificados cunha placa distintiva cuxo deseño, na medida do posible, será froito dun concurso artístico.
– Turismo en galego: creación dunha rede de guías e establecementos turísticos que se comprometan a desenvolver o seu traballo na nosa lingua como opción preferente cando o público sexa galego. Para isto, o concello favorecerá materiais en galego específicos que facilitarán o labor a estes profesionais. Por outra banda, tamén hai un compromiso de creación de guías turísticas bilingües para promocionar a nosa lingua entre os visitantes doutras comunidades e países.
– Feiras de visibilización e promoción do produto local.
– Cartelería favorecida gratuitamente (carteis de rebaixas, aberto/pechado, indicacións de calquera índole, vocabularios específicos…)
CENTROS EDUCATIVOS
– Lingualizando: Programa de actividades ao longo do curso distribuídas por etapas educativas: primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional, e universidades. Trataríase de fomentar, sobre todo, a oralidade: contacontos, teatro, conferencias ou coloquios…..
– Bolsa de Intercambios lingüísticos con centros doutros puntos de Galicia que sexan galegofalantes para promocionar a inmersión lingüística.
– Creación de materiais dinamizadores que promocionen a historia e cultura da cidade dende unha perspectiva didáctica e en colaboración cos centros educativos da cidade.
– Promoción da lingua portuguesa como vertente internacional da nosa lingua (ILP Valentín Paz Andrade)