Programa de Educación

CONSIDERACIÓNS PREVIAS 

A sociedade do coñecemento debe ser entendida como unha oportunidade para todos os cidadáns. Polo que require de políticas activas por parte dos poderes públicos; pero tamén necesita reforzar o discurso social e as políticas de benestar e desenvolvemento incrementando o valor do público.

Os e as socialistas creemos que os municipios xogan un papel determinante á hora de facer efectivo o dereito á educación e teñen a oportunidade de melloralo erixíndose en axentes educativos permanentes e ofrecendo recursos que contribúan á mellora das aprendizaxes.

De igual maneira, Pontevedra dispón de importantes recursos potencialmente educativos (como parques, museos, teatros ou centros de investigación públicos) que necesitan apoio e recursos organizativos para ser aproveitados polos centros educativos. Polo que , os concellos deben afrontar importantes retos como o uso dos centros educativos máis aló do horario escolar para facilitar a conciliación e o desenvolvemento integral dos nenos e as nenas en ámbitos artísticos, deportivos e/o lúdicos.

Por iso queremos dar a maior Importancia á aprendizaxe ao longo da vida que debe procurar a formación, promoción e o desenvolvemento de todas as persoas de calquera idade e condición para responder as necesidades formativas en todo momento e en todos os aspectos da vida contando cos recursos municipais.

PROPOSTAS

IMPULSAREMOS A OFERTA EDUCATIVA DO PRIMEIRO CICLO DE EDUCACIÓN INFANTIL

De forma prioritaria e en colaboración coas administracións educativas autonómicas, facilitarase solo dispoñible para estender a oferta educativa pública de cero a tres anos no primeiro ciclo de educación infantil.

PROMOVEREMOS UN NOVO PLAN DE ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES E COMPLEMENTARIAS PARA TODOS OS CICLOS EDUCATIVOS

Desenvolveremos actividades integradas entre os centros escolares, as familias e o tecido asociativo e cultural da nosa cidade, fomentando a cultura democrática, de convivencia e participativa,   favorecendo a formación integral de todos os xoves en idade escolar, con garantía de equidade.

PROMOVEREMOS O USO DOS ESPAZOS ESCOLARES FÓRA DO HORARIO LECTIVO

Aproveitaremos o potencial das instalacións dos nosos centros docentes públicos, especialmente bibliotecas e infraestruturas deportivas, fóra do horario escolar, no canto de mantelos pechados e sen uso.

CREAREMOS BANCOS MUNICIPAIS DE MATERIAL ESCOLAR

Activaremos bancos municipais de libros de texto e material informático de uso docente ou  facilitaremos a súa adquisición as familias, especialmente as máis necesitadas  en función da renda familiar. 

SEGUIREMOS A IMPULSAR OS COMEDORES ESCOLARES E AS LUDOTECAS

Potenciaremos as axudas para comedores escolares  e as ludotecas nas etapas de educación infantil e primaria, en colaboración coa FAMPA e cos centros educativos.

CREACIÓN DE  COMEDORES ESCOLARES NA ETAPA DE SECUNDARIA

Co obxectivo de seguir favorecendo a conciliación familiar, promoverase a creación de comedores escolares para a etapa de secundaria.

DIFUNDIREMOS O PLAN DE IGUALDADE NO SEO DA COMUNIDADE EDUCATIVA

Impulsaremos un programa de educación afectiva e a incorporación das achegas e logros realizados por mulleres no currículo dos centros educativos coa creación para elo de material didáctico propio.

SEGUIREMOS A PROMOCIONAR A CIENCIA NO ÁMBITO EDUCATIVO

Difundiremos a ciencia entre o conxunto da cidadanía mediante a programación de Talleres de Ciencia (Astronomía, Mecánica, Electrónica, Química…), sempre dende unha perspectiva de xénero.

FAVORECEREMOS A LOITA CONTRA O CAMBIO CLIMÁTICO DENDE O ÁMBITO EDUCATIVO

Promoveremos a creación de clubs participativos de loita contra o cambio climático nos centros educativos do concello, creando así unha rede de voluntariado ambiental e de concienciación cidadanía contra este gran problema global. 

Tamén promoveremos a reciclaxe de residuos en todos os centros educativos.

CREAREMOS A ESCOLA DE SEGUNDA OPORTUNIDADE

Promoveremos a creación dun servizo no que realizar Plans de Acompañamento e Apoio para o Éxito Escolar e Plans de Segunda Oportunidade para rescatar aos mozos e mozas que abandonaron de xeito precoz.

PROMOVEREMOS A CREACIÓN DE BECAS MUNICIPAIS DE INTERCAMBIO INTERNACIONAL

Impulsaremos un programa de becas para poder realizar intercambios ou estancias de inserción lingüística en países estranxeiros, en función da renda familiar.

PROMOVEREMOS UN PLAN DE MELLORA DO MANTEMENTO DAS INSTALACIÓNS EDUCATIVAS MUNICIPAIS

Impulsaremos un plan de mellora das instalacións educativas en colaboración cos centros educativos e co resto de administracións implicadas.