Máis bicis

3. Bici a pie zona peatonal

MIRADAS DE FUTURO

Unha das grandes capacidades de mellora do modelo pontevedrés de mobilidade é a bici, un medio que experimentou un certo crecemento pero que aínda ten moito que dar de si no futuro.

Saudable, barato, sostible, fermoso, agradable, directo, versátil… os calificativos que definen a bicicleta como medio de mobilidade urbana son todos positivos tanto para as persoas usuarias como para o conxunto da cidade e do medio ambiente.

O estilo de vida pontevedrés dos últimos anos desmotorizouse de forma importante, facilitando o camiñar como principal forma de traslado no interior da cidade. Nese proceso, a bici nunca foi protagonista central de nengunha acción concreta… os pedais eran convidados tanxenciais do novo modelo.

É preciso plantexar en serio un plan integral de mobilidade ciclista que abarque a totalidade dos aspectos de dimensión municipal relacionados con este medio.

  A hora da bici

Os tempos son chegados para este medio lixeiro que tantas alegrías aínda pode dar a moita xente. Lonxe de complicar o sistema de mobilidade, a bici está chamada a facilitar a vida a moitas persoas que hoxe utilizan o coche para desprazamentos de media distancia, como dos extremos da cidade ao centro, os traslados ao campus universitario, a Monte Porreiro ou ás parroquias sobre todo con poboación máis próxima á cidade.

Iso en canto á dimensión urbana. En relación á interurbana conforma un interesante debate sobre mobilidade e infraestruturas, xa que debe prantexarse un plan integral de bici en áreas urbanas como a nosa.

  Sinalización e divulgación ciclista

Sinalizar o asfalto con pictogramas ciclistas é un xeito barato e eficaz de fomentar e xeneralizar o respecto e a consideración polas persoas que utilizan ese medio, favorecendo así a seguridade en canto á convivencia cos automóbiles. Fomentar un uso compartido destes vehículos, absolutamente distintos en tantos aspectos, resulta unha necesidade vital.

  Circulación a contramán

Que as bicis estean autorizadas para utilizar a contramán os viais urbanos permitiría aumentar o seu uso e contribuiría a calmar aínda máis o tráfico de automóbiles, que deben respectar esta forma de circular prestando moita máis atención á conducción. Unha das características de bici é a versatilidade e facilidade do seu manexo, polo que resulta factible unha circulación a contramán responsable e legal.

  Carrís exclusivo para bicis

En xeral, a convivencia entre bicis e coches nas zonas de tráfico segregado, e de bicis e peóns en zonas de convivencia, ofrecen un balance positivo. 

O deseño dun carril exclusivo para ciclos en certas partes da ronda motorizada da cidade facilitaría en gran medida a mobilidade deste medio de transporte. Este carril é especialmente necesario na dirección de subida da rúa José Malvar debido á súa elevada pendente.

Así mesmo, a disposición de carrís bici deberían estar na axenda de calquera obra pública de transformación das estradas radiais que conflúen na cidade nas que se permite aos automóbiles unha velocidade de 50 km/h ou superior e non presentan mecanismos de calmado de tráfico ou reducción de velocidade.

  Bici-rexistro

Crear un rexistro municipal de bicis para incrementar a seguridade é moi sinxelo e xa existe en numerosas cidades, que adoitaron un modelo común con resultados satisfactorios.

  Parkings para bicis

Ir implementando parkings seguros en lugares nos que sexa posible é unha medida que pode resultar interesante para favorecer este medio de locomoción. Ademáis, deberían establecerse negociacións cos parkings en concesión dentro da cidade para estudiar de que xeito poden utilizarse para estacionar bicis de uso cotián, coidando de que non se convirtan en almacéns.

  Subvencións para bicis eléctricas

O progresivo envellecemento da poboación e o desenvolvemento das bicis eléctricas permite que éstas se incorporen á mobilidade urbana con altas perspectivas de éxito. 

Aínda que Pontevedra é unha cidade cha, existen itinerarios con importantes desniveis como o xa citado que une o río coa zona da Eiriña, as distintas subidas a Monte Porreiro ou as que achegan ao sexto instituto, por limitarnos á zona urbana. Moverse polo resto do ámbito municipal é unha sucesión continua de costas, moi doadas de abordar con ciclos eléctricos.

Neste sentido, propoñemos abrir unha liña de subvencións para a adquisición deste tipo de vehículos.