O parking sur

Recurso 1

MIRADAS DE FUTURO

Unha importante infraestrutura ubicada entre as estacións e A Parda: cubrir a praia de vías do ferrocarril con múltiples avantaxes para a mobilidade urbana e a calidade habitacional, funcional e estética de toda a zona que arrodea as estacións. Nestes apontamentos recóllense as características desta iniciativa urbana.

A actual praia de vías do ferrocarril é un espazo infrautilizado que funciona como unha fenda urbana entre duas importantes zonas da capital: Eduardo Pondal – Estacións e Conde de Bugallal – A Parda.

A conformación da estación, con acceso únicamente desde a fachada principal do edificio terminal responde á súa ubicación, 50 anos atrás, no confín da cidade. Un confín que hoxe non é tal. Ese espazo está chamado a cumplir unha importante función urbana.

  Cubrir as vías

A iniciativa consiste en cubrir a praia de vías cunha lousa de formigón practicable para o tránsito vehicular coa finalidade de establecer o parking de borde máis grande da cidade. Poderían gañarse uns 25.000 m2, o que permitiría estacionar aproximadamente 1.000 vehículos.

  Un parking de borde

Consíguese dotar á cidade dun novo gran estacionamento de borde, complementario ao outro xa existente na zona do Pazo da Cultura e dos máis pequenos que se ubican noutros espazos máis ou menos perimetrais.

Este parking permitiría desafogar o do Pazo da Cultura, que está saturado, e outros máis pequenos, ao ter capacidade de absorver unha grande cantidade de vehículos que proceden da comarca.

  Acceso motorizado só desde o exterior

O parking de borde sobre as vías do tren non debe causar influencias negativas na rede viaria máis urbana, polo que funcionaría como un fondo de saco, con entrada e saída únicamente polas vías máis exteriores (Conde Bugallal, Otero Pedrayo ou a futura vía que dará acceso ao pavillón da Parda).

Este aspecto é moi importante para que a infraestrutura non ofreza posibilidades de atallo. Os accesos cara ás zonas máis centrais da cidade, estacións, novo pavillón, xulgados, etc, serán peonís ou ciclistas.

  Sen molestar ás vivendas

O novo aparcadoiro ocuparía a zona máis ancha da praia viaria, como unha plataforma voante sobre columnas, se ben non se prolongaría ata o actual tunel baixo o anel da Eiriña. Nesa área, na que o edificio da Cidade de Pedra está moi próximo á vía, a cubrición realizaríase para prolongar o espazo libre actual para dedicar a zona de xogos, deportiva, libre ou de relax urbano. Tamén pode servir de nexo peonil entre o estacionamento e as rúas Estrada, 12 de novembro e Joaquín Costa.

En canto ao resto da plataforma, o proxecto arquitectónico debería coidar moi especialmente a fachada que da á Rúa do Ferrocarril, para que a estrutura quede suficientemente afastada das súas xanelas e a veciñanza de Cidade de Pedra poida gozar dun acabado urbano de calidade, mellorando as súas actuais condicións de visibilidade sobre a contorna.

  Estacións baixo teito

Cubrir as infraestruturas ferroviarias é unha práctica común en moitas cidades. Sobre elas aséntanse outras actividades, ás veces relacionadas coa mobilidade, outras co lecer ou incluso edificacións compatibles.

Algunhas estacións sotérranse para permitir unha vida urbana fluida na superficie. Outras para xerar espazos públicos de interés para a colectividade. No caso de Pontevedra no se trataría de soterrar as vías, senón de cubrilas para resolver un reto importante da mobilidade urbana: xerar espazos para automóbiles no borde da cidade.

  O coche, imprescindible

A realidade territorial de Galicia, cunha importante porcentaxe de poboación dispersa e con elevados índices de motorización, así como as circunstancias do noso modelo económico xeral, convertiron o automóbil nun aliado fundamental para a vida cotián e a liberdade de movemento das persoas.

Modelos urbanos coma o noso foron pioneiros en reducir a presencia de coches na cidade, algo que nos enche de orgullo e debemos defender como cidade avanzada que somos, pero precisan pasos que permitan avanzar o sistema de mobilidade e impidan o estancamento da cidade como núcleo comercial e de ocio de primeira magnitude.

  Unha intermodalidade real

As estacións intermodais non só deben atender á óptica tren-autobús, senón tamén aos fluxos do automóbil particular, o taxi, a bici e o camiñar. Co novo estacionamento de mil prazas sobre as vías do tren complétase o global da intermodalidade urbana.

  Confort das persoas viaxeiras

Na actualidade as persoas usuarias deben agardar o tren en andéns bastante desprotexidos da intemperie na maior parte das vías. A última reforma da estación renovou as marquesiñas tal como estaban, con escaso poder protector ante o vento e a choiva. Aínda que a puntualidade ferroviaria mellorou bastante, o certo é que en algunhas ocasións as agardas prolónganse máis dempo do desexado e o lugar resulta pouco confortable.

  Espazo libre para conectar con 12 de Novembro

O espazo ferroviario que quedaría sen ocupar polo parking debido á proximidade das vivendas de Cidade de Pedra e os xulgados gañaríase como área urbana libre para dedicar a actividades de ocio, como as zonas que xa están cubertas sobre as vías. Tamén podería resultar un área de acceso peonil ao novo parking.

  Sinerxias co futuro pavillón de deportes

A importante instalación deportiva proxectada na parcela anexa ao viario da estación beneficiaríase da proximidade do posible parking sobre as vías. Ambos proxectos arquitectónicos poderían coordinarse de tal xeito que se tratase dunha única acción consistente no tratamento de ambos equipamentos complementarios.

  Posible novo espazo verde na Parda

A disposición deste parking permitiría liberar de lugares de aparcamento a superficie da finca na que se construirá a instalación deportiva, que podería arrodearse dun bosque urbano sen coches.

  Permeabilidade urbana

Hoxe, a praia de vías da estación funciona coma unha trinchera urbana que impide os movementos entre ambos lados da flecha ferroviaria. O sistema de circulación do novo parking permitiría unha conexión peonil entre Eduardo Pondal e o futuro pavillón e en xeral o barrio que conforma Conde de Bugallal e a configuración que se lle dea a esta zona a resultas de construir a instalación deportiva.

  Desafogar o estacionamento norte

O gran estacionamento de borde de Pontevedra está saturado. Pola súa dimensión e a súa ubicación foi conformándose como a principal zona de aparcamento, concentrando nela tráficos que proceden de calquera punto da contorna.

Dispoñer dun novo parking no sur permitiría eliminar parte da presión que soporta actualmente o Pazo da Cultura e o predio de diante do Pavillón de Deportes, que verá minorada a súa capacidade ao executarse o plan de renaturalización da beira do Lérez incluida en Pontevedra Flúe.