Pontevedra 365

Festas

MIRADAS DE FUTURO

O ciclo festivo debe extenderse fóra da tempada de verán. A cidade ten recursos para promover eventos durante todo o ano, só hai que estimulalos, crear unha estrutura áxil e poñelos en marcha. O obxectivo é desestacionalizar os eventos.

O actual sistema de organización de festas e eventos resulta moi beneficioso para a proxección e a animación da cidade durante o verán, o entroido e, en menor medida, o nadal, ao que hai que sumar algúns eventos extraordinarios ao longo do ano. Ademáis existe unha programación continua de espectáculos escénicos interesante, pero mellorable.

Extender a todo o ano a capacidade atractora da capital é un obxectivo que debemos prantexarnos en serio, potenciando a visibilidade da nosa marca e tratando de convertirnos en plataforma de atracción constante.

  Espazo cultural continuo

A configuración da cidade como un espazo ambiental limpo e agradable convírtena en escenario perfecto para o desenvolvemento dunha programación de ocio que combine eventos globais da industria cultural (grandes concertos, espectáculos escénicos, exposicións) con programación dedicada á creatividade local, ata combinar unha oferta diversificada e con capacidade de atracción para públicos amplos.

  Aproveitar mellor a infraestrutura

A cidade dispón de numerosos espazos culturais que poden dar moito máis de sí obrando coa intelixencia necesaria para dotalos de actividades atractivas e constantes. Tanto os auditorios como as salas de exposicións da cidade, tanto as de titularidade municipal como outras públicas e privadas, así como outros espazos menores teñen unha ampla capacidade de mellorar a súa actividade. 

  A praza de San Roque

Utilizar a praza de touros como escenario para grandes concertos é unha opción interesante para a cidade que debe explotarse mellor do que se está a facer. As súas posibilidades espaciais son espléndidas para un tipo de eventos que, tanto por aforo como polas súas características arquitectónicas, non é posible celebrar noutros lugares da cidade.

  A Fábrica de Cultura

Ademáis, propónse artellar un novo contedor funcional e versátil para promover a cultura de base asociativa e incrementar a oferta de actividade creativa para a cidadanía contando con todos os públicos e as múltiples necesidades existentes.

  Grandes espectáculos

Atraer a celebración de grandes eventos culturais na cidade é un gran paso cualitativo que debemos dar. Mantendo o nivel existente, subir un chanzo máis, programando tanto grandes concertos en xiras internacionais capaces de atraer públicos de toda Galicia ou o noroeste peninsular

  Grandes exposicións

Así mesmo é preciso prestar máis atención ás grandes exposicións que ás sexa posible acceder, tendo en conta que mantemos infrautilizada unha das mellores salas do país, no Pazo da Cultura, e que poden establecerse maiores sinerxias co Museo de Pontevedra, que debe convertirse no gran museo de Galicia. Tamén debe contarse con espazos ben importantes, como os de Abanca.

Estas grandes salas, idóneas para a programación de exposicións de referencia compleméntanse ben coa consideración do espazo público da cidade (rúas, prazas e parques) como gran espazo de exhibición para a cultura, incrementando a súa importancia en relación a como se ven facendo ata o de agora.

  Espectáculos de rúa

Potenciar os eventos na rúa durante todo o ano é unha necesidade vital para unha cidade como a nosa, que ademáis é a sede dunha das máis importantes compañías de teatro de rúa do país. Establecer algún acordo para ampliar a todo o ano deste tipo de animación, contando con todos os recursos de proximidade que temos, sería un xeito importante de potenciar a nosa marca urbana máis aló das datas concretas de celebración.

  Coordinar cos eventos deportivos

As programacións cultural e deportiva nunha cidade como a nosa deben estar combinadas e ser complementarias, creando sinerxias de interés capaces de atraer a novos públicos.

  A cultura como activador económico

Ademáis das importantes industrias culturais da cidade, a desestacionalización dos eventos ten unha forte relación cos valores económicos da capital: favorecer a intensidade dos sectores hoteleiro e hospedeiro contribúe a afortalar a súa capacidade de xerar emprego e emprendemento empresarial.