Revivir Raíña Victoria

WhatsApp Image 2023-05-16 at 10.52.21 (3)

MIRADAS DE FUTURO

Reformar a Avenida da Raíña Victoria é unha necesidade urbana de primeira magnitude, non só debido á céntrica ubicación deste espazo urbano, senón para dar sentido á súa operatividade como continuación dos parques da Alameda e Palmeiras e para ofrecer un acceso máis doado ás persoas residentes e empresas desa zona.

Historia da zona e contexto. A avenida da Raíña Vitoria Uxía adquiriu a súa actual configuración sobre o ano 1978, ao realizarse un importante ensanche da antiga calzada aproveitando os terreos que deixou libres a vella vía do ferrocarril.

Programa da actuación. O instituto de ensino secundario Sánchez Cantón, cun alumnado próximo ás mil persoas, é un dos centros con maior poboación estudantil da cidade. De sempre os alumnos do Sánchez, buscaron do outro lado da rúa, nos xardíns de Vincenti a tranquilidade que non tiñan na fachada do seu centro. Dotar dunha contorna saudable e de calidade o instituto é unha das ideas que promove este proxecto.

Neste sentido, búscase unha maior integración coas Palmeiras, pois a actual configuración da rúa, en particular o muro que a separa dos xardíns das palmeiras e da avda. de Montero Ríos, limita a comunicación a pé e constitúe unha barreira de accesibilidade que se manifesta  nos problemas de mobilidade na zona durante as festas da Peregrina ou a Feira Franca.   

As demandas da veciñanza contemplan, dunha parte, a necesidade dun lugar onde poder estender as súas vidas cara ao exterior das vivendas, o que pasa por presentar diversas zonas de estancia, con especial atención ás condicións para a terceira idade e ás condicións de confort e axeitada relación entre zonas de sombra e sol. 

Outra demanda importante é a posta en marcha dun sistema de convivencia entre tránsito peonil e rodado con plataforma única, a velocidade moi limitada (10 km/h), que permita mellorar a actividade económica dos diferentes profesionais e tamén poder desenvolver as actividades de carga e descarga no seu horario correspondente, así como facilitar o acceso ás persoas residentes na contorna.  

Tamén é un aspecto importante o respecto ao arborado existente no paseo de Rosalía de Castro, os magnolios de flor branca, parte da identidade do espazo e valor paisaxístico notable da rúa. Do mesmo xeito, o proxecto formula a conservación de amplas zonas do actual muro de mamposto e a súa integración na reforma.   

Por último, é destacable a incorporación de criterios de adaptación ao cambio climático, renaturalización e resiliencia. Mellora da circulación natural da auga da choiva e do sistema de recollida mediante a incorporación de drenaxes sostibles.   

Descrición da solución adoptada 

  • Creación dunha plataforma única que integre os diferentes tránsitos en convivencia amable.
  • Apertura e comunicación de Raíña Vitoria cos Xardíns das Palmeiras mediante unha cómoda gradaría pétrea en tramos entre as árbores e con escaleiras de tránsito.
  • Construción de baluartes de pedra, grandes xardineiras para conservar as magnolias de flor branca.     
  • Creación dunha ampla rampla de acceso dende Montero Ríos, para dotar de accesibidade o percorrido. 
  • Deseño de zonas de estancia e descanso con bancos, árbores de sombra e unha ampla faixa de céspede e árbores na fachada do Instituto. 
  • Mellora paisaxística integral da avenida, plantación de arborado de sombra, potenciación do papel visual das magnolias de flor branca, dotación de amplos alcorques con planta tanto na rúa como arredor das magnolias.
  • Os pavimentos serán en materiais nobres en pedra e formigón gris, harmónicos co deseño das gradas, baluartes e a continuación da rúa cara á Audiencia Provincial.
  • Incorporación dos criterios de loita contra o quecemento global, cunha maior presenza de arborado e zonas de sombra, e tamén de drenaxes sostibles en zonas naturais de alcorques con planta, céspede e pavimentos drenantes.