O candidato Iván Puentes aposta por implantar un Bono Cultural, potenciar o uso da Praza de Touros para actividades culturais, crear unha nova Biblioteca Pública e erixir unha Fábrica Cultural cun pequeno auditorio, unha caixa de teatro, unha sala de ensaio e oficinas de empresas culturais.
As propostas foron presentadas no marco do faladoiro ‘Hoxe falamos de… Cultura’, celebrado nos Soportais da Ferrería e no que o candidato do PSOE á Alcaldía e a número 6 da súa lista electoral, a profesora e artista Carmen ‘Tita’ Hermo, conversaron co público asistente sobre as súas principais demandas, necesidades e ideas en materia cultural
O programa dos socialistas tamén contempla o deseño dun mapa ou atlas cultural, o fomento da imaxe de Pontevedra como ‘fervedoiro cultural’, a posta en marcha dun Noites Abertas Sénior, a inclusión da cidade no roteiro dos grandes espectáculos musicais, a celebración dunha Bienal de Fotografía e dun Festival de Teatro Valle Inclán e a descentralización cultural, levando as actividades culturais a tódolos barrios e parroquias
Entre as ideas debulladas por Puentes e Hermo incluíronse a creación dun Centro de Interpretación do Camiño Portugués a Santiago, unha App da Axenda Cultural mantida e actualizada pola Concellería de Cultura, a posta en valor da Illa das Esculturas, a sinatura dun convenio de colaboración coa Facultade de Belas Artes para a promoción dos artistas locais e a celebración dun Certame Anual de Gaming na Rúa e dunha Liguiña de Videoxogos.