O candidato socialista á Alcaldía, Iván Puentes, e a número 4 da súa lista electoral, a parlamentaria Paloma Castro, protagonizan o faladoiro ‘Hoxe falamos de… Igualdade’, no que deron a coñecer iniciativas do seu programa como a creación dun órgano de seguimento da transversalidade de xénero no seo da Administración municipal ou a aprobación dun Plan de Igualdade para o persoal do Concello.
A implantación dun protocolo que permita unha resposta rápida e efectiva ante situacións de acoso ou abuso sexual, en coordinación cos locais de ocio nocturno do municipio, e a activación dun Programa de Asistencia multidisciplinar a Mulleres Vítimas da Prostitución e da Trata (sanitaria, laboral, asistencial, psicolóxica e xurídica) son algunhas das propostas que o PSOE de Pontevedra inclúe no proxecto electoral co que concorrerá ás eleccións do 28 de maio. Iniciativas que forman parte do programa deseñado polos socialistas en materia de Igualdade e no que tamén se contemplan a creación dun órgano de seguimento da transversalidade de xénero no seo da Administración municipal e a aprobación dun Plan de Igualdade para o propio persoal do Concello, que conteña aspectos como medidas de conciliación, flexibilidade horaria, teletraballo, utilización dunha linguaxe non sexista ou estereotipada en toda a súa actividade, adaptación de formularios e escritos para o uso de linguaxe inclusiva e introdución da perspectiva de xénero na contratación administrativa, a redacción de orzamentos ou as convocatorias públicas.
As propostas foron presentadas esta mañá na Praza da Ferrería nun novo faladoiro aberto á cidadanía coa finalidade de dar a coñecer e detallar as diferentes áreas programáticas e que nesta ocasión levaba por título ‘Hoxe falamos de… Igualdade’. O coloquio estivo protagonizado polo candidato do PSOE á Alcaldía, Iván Puentes, e pola número 4 da súa lista, a parlamentaria Paloma Castro, quenes subliñaron o firme compromiso dos socialistas na loita por acadar unha igualdade de xénero efectiva, apostando por priorizala en tódalas súas políticas e outorgándolle ao Concello un papel transcendental neste eido.
Tal e como sinalou Puentes, «só situando á igualdade como eixo central da nosa acción política poderemos lograr ser un referente e acadar a igualdade real en Pontevedra, un obxectivo que precisa dunha importante dotación orzamentaria, con fondos propios que complementen os recibidos por outras administracións para a execución das medidas recollidas no Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero». «Como administración -asegurou o socialista-, debemos dar exemplo deste compromiso creando un órgano de seguimento da transversalidade de xénero e aprobando un Plan de Igualdade específico para o persoal do Concello».
Unha sociedade referente na loita pola igualdade
Outro dos obxectivos de Iván Puentes é o de acadar «unha sociedade pontevedresa implicada na loita contra o machismo, que se converta tamén en referente a prol da igualdade», o que fai necesario «cimentar a igualdade desde a base e incidir na prevención e na educación da nosa mocidade en valores feministas». Neste sentido, o programa do PSOE propón a programación de actividades adaptadas para os centros educativos de Infantil, Primaria, Secundaria e estudos superiores centradas en temáticas como a eliminación dos roles de xénero, educación sexual para previr violencias machistas, pornografía e prostitución, uso das redes sociais e dos dispositivos móbiles, mito do amor romántico, corresponsabilidade, saúde feminina (faladoiros, traballos, xornadas de pais/nais e fillos/as, pezas audiovisuais ou teatrais, divulgación de referentes feministas…); e fomentar a participación de tódolos IES do municipio no Consello da Muller Nova e en datas conmemorativas vencelladas á igualdade.
Paloma Castro avanzou que o programa socialista plantexa a posta en marcha de obradoiros e cursos para mellorar a autonomía das mulleres e a súa capacidade de resposta (talleres de autodefensa, dixitalización, conciliación, violencia de xénero…) e o reforzo do programa Somos Quen, de actividades para mulleres do rural nas parroquias do concello, «impregnando de igualdade tódalas esferas sociais, culturais e educativas». Asemade, tal e como apuntou Castro, «recoñecerase o labor a prol de igualdade a través dunha convocatoria anual que lles dea visibilidade a aqueles centros educativos, empresas municipais, locais comerciais ou servizos administrativos do concello que poñan en práctica medidas que fomenten unha igualdade real entre homes e mulleres ou dean mostra do seu compromiso neste eido mediante a utilización de linguaxe inclusiva e dunha representación igualitaria».
Fortalecer a estrutura do CIM con persoal e máis orzamento
A loita contra a violencia de xénero ten un papel esencial no programa electoral trazado polo PSOE de Pontevedra, que avoga por fortalecer a estrutura do Centro de Información á Muller (CIM) cun reforzo orzamentario e de persoal que o faculte para o incremento da súa actividade e mellore a asistencia que ofrece ás usuarias. Neste sentido, incrementaranse as campañas de información sobre a existencia deste recurso e o acceso ao mesmo e robustecerase o servizo de atención psicolóxica (consulta, tratamento e diagnóstico) e xurídica a vítimas de violencia de xénero e ás súas crianzas, así como a mulleres vulnerables.
Segundo explicou Iván Puentes, ademais dun protocolo de resposta ante situacións de acoso ou abuso sexual en coordinación cos locais de ocio nocturno e dun Programa de Asistencia a Mulleres Vítimas da Prostitución e da Trata, «os socialistas apostamos por elaborar un protocolo de actuación e coordinación entre o CIM, os Servizos Sociais do Concello, a Policía Local e o Sergas, que permita mellorar a resposta ás situacións de violencia de xénero e garantir unha protección permanente contra a violencia de xénero, desenvolvendo unha atención integral e interdisciplinar, con apoio xurídico, psicolóxico e asistencial».
«Tamén imos consolidar e expandir os Puntos Lilas -anunciou Puentes-, que prestan un servizo de sensibilización e asistencia ás mulleres en coordinación coa Policía Local, garantindo unhas festas libres de violencia; e compañaremos os eventos festivos con campañas previas de concienciación».
Apoio laboral e corresponsabilidade
O programa do PSOE en materia de Igualdade tamén contempla o impulso e apoio, en colaboración cos distintos sectores económicos e sociais do municipio, de accións para reducir e eliminar a brecha laboral e salarial entre homes e mulleres. Ademais, os socialistas pretenden reforzar o papel dos consellos locais da Muller e de crear un Observatorio Municipal da Igualdade como espazo físico para o desenvolvemento de iniciativas neste ámbito, coa participación de representantes do tecido social e educativo da cidade.