No coloquio a pé de rúa baixo o título de ‘Hoxe falamos de… Deportes’, o candidato socialista á Alcaldía, Iván Puentes; o secretario xeral das Xuventudes Socialistas de Pontevedra, David Fraga, xogador do Pontevedra CF, e o presidente do Club Naval, Carlos Paz ‘Carletes’ (ámbolos dous na súa lista electoral), expuxeron algunhas das principais medidas do programa do PSOE en materia deportiva.
Segundo explicou Carlos Paz, o programa presentado pola lista que encabeza Iván Puentes tamén pon o acento na importancia de «promover a actividade física entre as persoas maiores, co fin de que o seu envellecemento sexa o máis activo e saudable posible, e mellorando así as súas relacións sociais á vez que se loita contra a soidade, especialmente nas áreas máis rurais». Neste sentido, os socialistas propoñen o deseño dunha oferta de actividades «enfocadas para os maiores nos barrios e parroquias», así como a organización de actividades accesibles, como andainas ou roteiros, que teñan en conta as capacidades desta franxa de idade e das que teñan algún tipo de diversidade, fomentando a integración e a cohesión social de distintos colectivos».
O presidente do Club Naval salientou a proposta do PSOE de organizar un ‘Descenso do río Lérez’, «un evento lúdico de carácter popular que consistiría nun percorrido dende a praia fluvial ata o embarcadoiro da Autoridade Portuaria nas Corbaceiras, cubrindo unha distancia de aproximadamente 3,5 km, cunha duración estimada de 1 hora e baixa dificultade, o que o faría accesible a persoas de tódalas idades».
Máis deporte feminino en equipo
Ademais, o programa deseñado polo equipo de Iván Puentes proxecta a promoción de medidas específicas que permitan erradicar a fenda de xénero no acceso ás actividades deportivas, así como o fomento do asociacionismo feminino no deporte e os clubs deportivos. Neste sentido, potenciarase a creación de equipos femininos en tódalas disciplinas deportivas, especialmente naqueles deportes tradicionalmente masculinos, de tal xeito que as rapazas poidan ter a mesma progresión deportiva que os rapaces a medida que van medrando. Crearanse tamén vestiarios femininos en tódalas instalacións deportivas municipais (actualmente case inexistentes).
No programa socialista contémplase tamén a mellora e ampliación do Bike Park da Fracha con elementos modulares respectuosos co medio ambiente e que consoliden o trazado das pistas; a creación dun circuíto de competición de Mountain Bike MTB, apto para albergar adestramentos e eventos deportivos de modalidades como o descenso ou o enduro; a actualización da actual pista de BMX situada a carón do Miradoiro de Monte Porreiro, modificando o trazado, pavimentándoa e converténdoa nunha moderna instalación de pump track, e a ampliación das instalacións para a práctica do skate e doutros deportes urbanos.