Asegurar o uso sanitario do actual Hospital Provincial

O novo estacionamento de Montecelo debe ser público e gratuito
WhatsApp Image 2023-05-13 at 16.07.29

O programa electoral co que os socialistas concorrerán á cita do 28 de maio defende que o edificio nobre do Hospital Provincial sexa destinado a uso sanitario e que se constitúa, coa maior brevidade posible, unha mesa de traballo, con representación das asociacións profesionais, sindicatos, colectivos veciñais e concellos da Área Sanitaria, para determinar o seu plan de usos sanitarios.

Ademais, entre as propostas que a lista encabezada por Iván Puentes plantexa en materia sanitaria proponse que o estacionamento do Gran Montecelo sexa público e gratuíto, «unha iniciativa que tanto o BNG como o PP votaron en contra»; o establecemento dun bo servizo de transporte colectivo ao complexo hospitalario desde a cidade, e o deseño de dous circuítos de acceso sanitario a Montecelo libres de ‘lombos’ (un polo norte e outro polo sur), optando pola instalación doutros sistemas de redución da velocidade que non sexan lesivos para os pacientes trasladados nin para os traballadores dos servizos de transporte sanitario urxente.

As medidas foron presentadas esta mañá na Praza do Hospital Provincial por Puentes, nun acto no que estivo acompañado por membros da súa candidatura e militantes do partido (entre eles a número 4, a parlamentaria Paloma Castro, e mailos secretarios de Sanidade e de Política Social da Executiva Municipal do PSOE, Jesús Miguélez e Paloma Rodríguez Español, así como os médicos Ana Moya e Chano Esperón, ex concelleiro) e no que ratificou a aposta dos socialistas «por unha cidade saudable, que é aquela que dá prioridade á saúde en tódalas súas actuacións: para acadala, non é suficiente con contar con bos servizos sanitarios; é necesario, ademais, controlar os determinantes ambientais e sociais (económicos e culturais) que condicionan a desigualdade e promover unha ecoplanificación, un urbanismo sostible e hábitos de vida saudables nos cidadáns». «As nosas propostas -matizou o candidato do PSOE- enmárcanse na Estratexia de Saúde Pública 2022 e na Estratexia de Saúde Mental 2022-2026. Galicia é a comunidade autónoma na que as enfermidades mentais teñen maior incidencia, polo que imos reclamarlle á Xunta o incremento dos recursos asistencias e de coidados continuados para que a cidadanía reciba a axuda necesaria para a prevención ou recuperación destes problemas, evitando así que patoloxías como a depresión ou a ansiedade se convertan en crónicas para moitas persoas. Teoricamente, o Plan de Saúde Mental poscovid-19 da Xunta para 2021-2025 estaba dotado de 83 millóns de euros, pero o que levan executado é ínfimo e se atopa difuminado noutro tipo de medidas»

O programa sanitario dos socialistas abrangue cuestións como a creación dunha Unidade de Atención Temperá Municipal, co obxectivo de dar resposta ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e nenas con trastornos do desenvolvemento ou en risco de padecelos; a posta en marcha dunha Escola Municipal de Educación para a Saúde, que coordinará as súas accións de educación sanitaria co sistema sanitario e que, entre outras cuestións, promoverá cursos e talleres sobre hábitos e estilos de vida e elaborará programas para combater a hipertensión arterial, a diabetes, a obesidade, as condutas adictivas…, ou a activación dun Instituto Municipal da Saúde, como órgano de xestión único que coordine as competencias do Concello en materia de saúde pública, promoción da saúde e asistencia sanitaria. 

Asemade, o PSOE elaborará un Programa de Atención Integral á Discapacidade, impulsando iniciativas e programas coordinados coas distintas áreas municipais e o movemento asociativo deste sector; deseñará un Plan Estratéxico que posibilite a mellora do nivel de saúde dos cidadáns e que integre o criterio da saúde no conxunto das políticas públicas; desenvolverá o Consello Municipal de Saúde, como órgano de participación cidadá nas cuestións vencelladas coa saúde, e impulsará un maior control veterinario e unha mellora do sistema de recollida de animais abandonados. 

Frear o desmantelamento do sistema sanitario público

Iván Puentes amosouse moi crítico co «desmantelamento do sistema sanitario público» que o PP está a perpetrar, «deteriorando a Atención Primaria, deixando sen cubrir prazas de médicos nos centros de saúde da Parda e Monte Porreiro, provocando indecentes agardas para ser atendidos e facendo que cada vez que imos ao doutor nin sequera coñezamos á persoa que nos vai atender». Neste sentido, o líder socialista incidiu na importancia de que se lle reclamen á Consellería de Sanidade e á Xunta «a creación dun novo centro de saúde e dun centro sociosanitario público para a atención hospitalaria de patoloxías crónicas, así como o cumprimento do seu compromiso de transferencia ao Sergas da Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD)». 

«Tamén lle imos esixir -subliñou Puentes- que se engadan aos servizos contemplados no Plan Funcional de Montecelo os de Xeriatría e Cirurxía Xeral Pediátrica. O primeiro está xustificado polo envellecemento progresivo da nosa poboación de referencia e o segundo para evitar que sexa necesario desprazar fóra da nosa Área Sanitaria aos nenos e ás súas familias para realizar intervencións cirúrxicas comúns. Ademais, reclamaremos que se amplíen de xeito importante os servizos de Coidados Paliativos e Hospitalización a Domicilio (HADO), algo necesario tamén polo envellecemento da poboación».