A reforma do no de bombeiros, o compromiso do Goberno cos proxectos de renaturalización dos ríos (Pontevedra Flúe) e a ampliación do Polígono do Camiño son compromisos dos que falou o delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro nun encontro co candidato á Alcaldía polo PsdeG de Pontevedra e actual concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes.
Besteiro sinalou que a conexión máis directa entre Domingo Fontán e a AP9 é unha infraestrutura moi necesaria para a cidade de Pontevedra, xa que as accións que se levarán a cabo aliviarán a conxestión de tráfico no actual cruce, mellorando a seguridade viaria e a mobilidade en toda esta zona, mediante a distribución das entradas e saídas da AP-9 entre a ponte das Correntes e o cruce de incendios.
O delegado do Goberno afirmou que actualmente están a competir 13 empresas ou sociedades mistas “por facerse cargo do contrato para a remodelación deste enlace Pontevedra Norte e autoestrada AP-9”. O proxecto, que en palabras de Gómez Besteiro é “unha boa nova que amosa o compromiso socialista”, contempla habilitar un enlace directo entre as Correntes e a AP-9, unha vía que dará pleno sentido ao viaduto sobre o Lérez.
Este ramal terá dúas vías: unha que permitirá o acceso directo á autovía dirección Santiago, e a outra que será a saída directa do tráfico procedente de Vigo. Para acceder á autovía en sentido sur mantense o viario existente, con acceso desde os Bombeiros. Ademais, construirase unha segunda vía que unirá a gran rotonda que constitúe o Parque de Bombeiros coa autovía. Este enlace permitirá que os vehículos que circulen pola AP-9 procedentes de Santiago poidan saír directamente a Pontevedra e a súa execución incluirá un paso elevado sobre o actual acceso á autovía.
Por outra banda e co obxectivo de canalizar mellor o tráfico, duplicarase a capacidade do tramo da Avenida de Domingo Fontán comprendido entre a ponte das Correntes e o cruce dos Bombeiros, construíndo un viaduto paralelo ao actual, que pasará de dous a catro carrís nesta área. O proxecto tamén contempla a construción dunha senda peonil entre o cuartel da Garda Civil e As Correntes, dando continuidade ao paseo xunto ao río.
Pontevedra Flúe e ampliación do polígono do Campiño
Ademais do proxecto do nó de bombeiros no que está envorcado o Goberno, o delegado do Goberno tamén amosou o compromiso con outros proxectos propostos polo candidato socialista á Alcaldía, Iván Puentes, como o proxecto Pontevedra Flúe. Puentes subliñou que actualmente “o Lérez é o epicentro dos investimentos do Goberno de España en Pontevedra nos próximos anos” grazas aos proxectos que dende a Concellería de Desenvolvemento Sostible leváronse a cabo durante este mandato. “Un proxecto de reforma e integración do río, do verde e dos espazos naturais polo que o Goberno manifestou o seu compromiso para executalo e facelo realidade” -sinalou Puentes-, e que segundo Gómez Besteiro, é “un proxecto que marca unha época e así o poñen de manifesto as mellores consideracións recibidas por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica”.
O candidato socialista e actual concelleiro de Desenvolvemento Sostible tamén manifestou a súa vontade de atender as demandas de Pontevedra en todas as súas vertentes, unha vontade que “non sempre é correspondida pola Xunta de Galicia”. Neste senso Puentes recordou que “sen ir máis lonxe, a pasada semana a Zona Franca de Vigo comprometeuse a asumir a ampliación do polígono industrial do Campiño, un feito que se concretará nos seus orzamentos e nos orzamentos xerais do Estado nas próximas semanas porque a Xunta de Galicia non escoitou a petición unánime do concello de Pontevedra de ampliar
neses 200.000 metros cadrados este polígono e permitir que Pontevedra- que agora mesmo non conta con térreo industrial- teña a posibilidade de ofrecer ás empresas un lugar onde asentarse na cidade”.
Por outra banda, Puentes subliñou que “nestas eleccións hai dúas actitudes que marcarán o próximo mandato municipal: un Partido Socialista que presenta proxectos e que chama a todas as portas precisas para conseguir os seus compromisos e obxectivos para a cidade; ou un goberno que non sae dos despachos do Concello e que non ten interlocución coas demais administracións nin ten vontade de facelo” a pesar de ser cuestións “que redundan en beneficio de todos e todas”, e tratarse de necesidades pendentes da cidade dende hai décadas.
O candidato socialista reforzou o seu compromiso de converter Pontevedra en Capital Gastro e potenciar a cidade como motor económico vinculado á hostalería, ao turismo sostible, ao turismo verde e converter a hostalería local, tanto tradicional como vangardista, nun motor de xeración de emprego e de riqueza como así se contempla no seu programa electoral entre as que están a actualización e axilización de licencias, a actualización do Plan Especial de Protección, Reforma Interior e Conservación Artística do Conxunto Histórico-Artístico de Pontevedra (Peprica) ou a combinación dos usos residenciais coa actividade económica hostaleira, entre outras.