O socialista Iván Puentes impulsará un proxecto para cubrir a praia de vías do ferrocarril existente entre as estacións e o barrio da Parda para convertela no aparcamento disuasorio máis grande da cidade. O denominado Estacionamento Sur crearase cubrindo este espazo infrautilizado, que supón unha fenda urbana entre dúas importantes zonas da capital (Eduardo Pondal e A Parda), cunha lousa de formigón practicable para o tránsito de vehículos, gañando uns 25.000 metros cadrados (nunha franxa liñal duns 550 metros) que permitirían estacionar uns 1.000 vehículos.
Deste xeito, lograríase dotar á cidade dun novo aparcadoiro de borde que desafogaría o do Pazo da Cultura, moi saturado nestes momentos, e outros máis pequenos, ao ter capacidade de absorber unha grande cantidade de vehículos que proceden do resto da comarca. Tal e como explicou esta tarde o candidato do PSOE á Alcaldía, «o párking está proxectado de xeito que non cause influencias negativas na rede viaria máis urbana, polo que funcionaría como un fondo de saco, con entrada e saída unicamente polas vías máis exteriores (Conde de Bugallal, Otero Pedrayo ou o futuro vial que dará acceso ao pavillón da Parda)». «Haberá acceso motorizado só desde o exterior -apuntou-, un aspecto que consideramos moi importante para que a infraestrutura non ofreza posibilidades de atallo. Os accesos cara ás zonas máis centrais da cidade, as estacións, o novo pavillón e os Xulgados serán peonís ou ciclistas».
O grande Estacionamento Sur, que foi presentado nun acto que se desenvolveu nas inmediacións do novo edificio xudicial da Parda e no que Puentes estivo acompañado pola presidenta do PSdeG, Carmela Silva, e por outros membros da súa candidatura, ocuparía a zona máis ancha da praia viaria, como unha plataforma voante sobre columnas, pero non se prolongaría ata o actual túnel baixo o anel da Eiriña para non provocar molestias ás vivendas. Segundo indicou Iván Puentes, «nesa área, na que o edificio da Cidade de Pedra está moi próximo á vía, a cubrición realizaríase para prolongar o espazo libre actual e dedicalo a parque, zona de xogos, área deportiva ou de relax urbano». «Tamén pode servir de nexo peonil entre o estacionamento e as rúas Estrada, 12 de Novembro e Joaquín Costa», precisou.
No que atinxe ao resto da plataforma, o proxecto arquitectónico coidará especialmente a fachada que dá á rúa do Ferrocarril, para que a estrutura quede o suficientemente afastada das xanelas dos edificios e a veciñanza da Cidade de Pedra poida gozar dun acabado urbano de calidade, mellorando as súas actuais condicións de visibilidade sobre o contorno. Iván Puentes está convencido de que o proxecto se traducirá en «vantaxes para a mobilidade urbana e a calidade habitacional, funcional e estética de toda a zona que rodea as estacións».
A conformación da estación de ferrocarrís, con acceso unicamente desde a fachada principal do edificio terminal, responde á súa ubicación, 50 anos atrás, no confín da cidade. «Un confín que hoxe non é tal, nun espazo que -como subliñou Iván Puentes- está chamado a cumprir unha importante función urbana. Cubrir as infraestruturas ferroviarias é unha práctica común en moitas cidades. Algunhas estacións sotérranse para permitir unha vida urbana fluída na superficie. Outras para xerar espazos públicos de interese para a colectividade. No caso de Pontevedra, non se trataría de soterrar as vías, senón de cubrilas para resolver un reto importante da mobilidade urbana: xerar espazos de estacionamento no borde da cidade».
Unha intermodal real
En opinión de Puentes, «as estacións intermodais non só deben atender á óptica tren-autobús, senón tamén aos fluxos do automóbil particular, o taxi, a bici e o tránsito peonil, e con este novo estacionamento de 1.000 prazas completaríase realmente a intermodalidade en Pontevedra». Ademais, na actualidade, as persoas usuarias deben agardar o tren en andéns bastante desprotexidos da intemperie na maior parte das vías, polo que esta intervención está chamada a mellorar o confort das persoas viaxeiras.
O espazo ferroviario que quedaría sen ocupar polo párking (debido á proximidade das vivendas da Cidade de Pedra e os Xulgados) gañaríase como área urbana libre para dedicar a actividades de lecer, como as zonas que xa están cubertas sobre as vías, así como acceso peonil ao novo estacionamento desde 12 de Novembro. A disposición do aparcadoiro, cuxo anteproxecto Puentes se comprometeu a redactar nos seis primeiros meses de mandato, permitiría liberar de prazas de aparcadoiro a superficie da finca na que se construirá o pavillón deportivo da Parda, que podería rodearse dun bosque urbano sen coches.
Iván Puentes asegurou que «o sistema de circulación do novo párking optimizará a permeabilidade entre ámbalas zonas da estación, permitindo unha conexión peonil entre Eduardo Pondal, o futuro pavillón e, en xeral, o barrio que conforma Conde de Bugallal». «O grande estacionamento de borde da zona norte de Pontevedra está saturado, ao concentrar tráficos que proceden de diversos puntos do contorno. Dispoñer dun novo aparcamento no sur permitirá eliminar parte da presión que soportan o Pazo da Cultura e o predio de diante do Pavillón Municipal dos Deportes», sinalou o candidato do PSOE.
Chegar, aparcar, camiñar
En opinión de Carmela Silva, «en política hai que ter ambición e o proxecto que hoxe presentamos aquí é certamente ambicioso, extraordinario e necesario para Pontevedra, pero ademais tamén é viable, posto que xa hai outras cidades que fixeron algo semellante, recuperando as vías con iniciativas que permiten construír urbes amables». «Este proxecto axuda a mellorar o modelo de cidade amable -destacou a presidenta do PSdeG- e vouno describir con tres palabras: chegar, aparcar, camiñar. Trátase de que a xente poida chegar a Pontevedra, poida aparcar e poida camiñar. Un estacionamento no sur é unha demanda real dos pontevedreses e pontevedresas, e tamén recuperar un fermoso espazo con zonas verdes que permitan que, unha vez que chegues e aparques, poidas xa empezar a camiñar e entrar no núcleo urbano».
Ao seu xeito de entender, «estas ideas extraordinarias teñen ademais a capacidade de poder acadar fondos europeos», o que permitiría financiar este proxecto tanto polo Goberno de Estado como por cartos da UE, e tamén a Xunta de Galicia «debería comprometerse con dedicarlle recursos». «É viable, ambicioso, extraordinario e fai avanzar ese modelo da Pontevedra que camiña», recapitulou Carmela Silva.