O programa electoral elaborado polo PSOE pontevedrés en materia de promoción, defensa e dinamización da lingua galega contempla a creación dunha Rede de Establecementos Amigos da Lingua que se comprometan a utilizar o galego como primeira opción na súa relación co público.
A candidatura liderada por Iván Puentes tamén quere impulsar unha Rede de Guías e Establecementos Turísticos que se comprometan a desenvolver o seu traballo na nosa lingua como opción preferente cando o público sexa galego; poñer en marcha bolsas de intercambios lingüísticos con centros doutros puntos de Galicia que sexan galegofalantes para promocionar a inmersión lingüística; promover cursos gratuítos preparatorios dos certificados de Lingua Galega, e organizar ludotecas lingüísticas e campamentos de inmersión eco-lingüística.
Os socialistas anunciaron estas e outras iniciativas esta mañá, co gallo da celebración do Día das Letras Galegas, na Praza da Ferrería, onde instalaron unha carpa informativa para dar a coñecer o seu programa electoral nesta materia. Tal e como subliñou Iván Puentes, «aínda que houbo moitos avances, Pontevedra segue a ser unha cidade fortemente castelanizada, e por este motivo pretendemos achegar o galego á sociedade con propostas que vencellen a nosa lingua coa cultura, a literatura, a historia, a innovación, as novas tecnoloxías, a modernidade, o feminismo, a ecoloxía e a sostibilidade».
Na súa opinión, «a lingua galega debe ser sinónimo de avance, progreso e futuro para tódolos pontevedreses, mediante medidas dinamizadoras dirixidas a tres sectores fundamentais, que son o social, o empresarial e o educativo». «Entre as propostas que deseñamos no eido social para desenvolver ao longo de todo o ano, contemplamos a celebración de festas tradicionais e datas sinaladas (Samaín, Magosto, Maios, San Xoán, Nadal, Entroido, Letras Galegas…) mediante actividades lúdicas integramente en galego e para tódolos públicos: contacontos, concertos, bandas de música, actuacións teatrais e parateatrais, conferencias, obradoiros, concursos literarios… Ademais, apostaremos de xeito preferente pola contratación de artistas locais para dinamizar o sector cultural da cidade».
O PSOE tamén plantexa propostas específicas para períodos de lecer en galego, como ludotecas lingüísticas para os máis pequenos en períodos non lectivos vacacionais, con monitores e actividades en galego; campamentos de inmersión eco-lingüística para os adolescentes, que se levarán a cabo no verán e que consistirán no coñecemento da contorna na nosa lingua (mediante camiñadas, sendeirismo, actividades acuáticas…), cunha importante presenza da toponimia; actividades cos nosos maiores (‘Os maiores tamén contan’) enfocadas á transmisión interxeracional da lingua e á conservación do noso patrimonio oral, e cursos gratuítos preparatorios dos certificados de Lingua Galega.
Sector empresarial e pequeno comercio
O programa electoral confeccionado polos socialistas nesta materia tamén plantexa medidas específicas para fomentar o galego no sector empresarial e do pequeno comercio, entre elas a creación dunha rede de establecementos amigos da lingua que se comprometan a utilizar o galego como primeira opción na súa relación co público, tanto de xeito oral como por escrito. Segundo apuntou Iván Puentes, «estes negocios estarían identificados cunha placa distintiva (cun deseño froito dun concurso artístico)» e permitirán achegarnos ao obxectivo dunha «atención en galego durante os 365 días do ano».
Nesta mesma dirección, o PSOE propón a creación dunha rede de guías e establecementos turísticos que se comprometan a desenvolver o seu traballo na nosa lingua como opción preferente cando o público sexa galego. «Para isto -explicou Iván Puentes-, o Concello facilitará materiais específicos en galego que simplificarán o labor destes profesionais. Por outra banda, existe un compromiso de creación de guías turísticas bilingües para promocionar a nosa lingua entre os visitantes doutras comunidades e países».
O impulso de feiras de visibilización e promoción do produto local e a distribución gratuíta de cartelería en galego (carteis de rebaixas, aberto/pechado, indicacións de calquera índole, vocabularios específicos…) tamén figuran no paquete de medidas presentado esta mañá.
Centros Educativos
O proxecto socialista de defensa e promoción do galego contempla o desenvolvemento dun programa escolar de actividades ao longo do curso distribuídas por etapas educativas: Primaria, Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional e universidades. «Trataríase de ‘lingualizar’, fomentando sobre todo a oralidade, a través de contacontos, teatro, conferencias ou coloquios…», indicou o candidato do PSOE.
Asemade, poranse en marcha bolsas de intercambios lingüísticos con centros doutros puntos de Galicia que sexan galegofalantes para promocionar a inmersión lingüística; elaboraranse materiais dinamizadores que promocionen a historia e cultura da cidade dende unha perspectiva didáctica e en colaboración cos centros educativos da cidade, e promocionarase a lingua portuguesa como vertente internacional da nosa lingua (en virtude da Iniciativa Lexislativa Popular ‘Valentín Paz-Andrade’).