Iceta chama a votar por Iván: «A Pontevedra tócalle un bo meneo»

O ministro Miquel Iceta asegura que a Pontevedra "tócalle un bo meneo e unha persoa moza, con ganas, alegría e vocación cultural e deportiva como Iván Puentes é a axeitada para liderar ese cambio"
Iceta

«A Pontevedra tócalle un bo meneo e unha persoa moza, con ganas, alegría e vocación cultural e deportiva como Iván Puentes é a axeitada para liderar ese cambio. Terás toda a colaboración para facer de Pontevedra non só ese lugar entrañable pola historia que tivo, senón vibrante pola historia que constrúa cada día». Deste xeito exhibiu na Praza da Ferrería o ministro de Cultura e Deporte, Miquel Iceta, o categórico apoio do Goberno de España e do PSOE ao proxecto liderado polo candidato socialista á Alcaldía, Iván Puentes.

Foi durante unha tertulia a pé de rúa na que Puentes e Iceta compartiron o sofá chester que está a protagonizar os faladoiros organizados polo PSdeG pontevedrés ao longo desta campaña, nun escenario que tiña como fondo o edificio da vella delegación de Facenda (anexa a San Francisco), que o Ministerio converterá en futura sede o Arquivo Histórico Provincial. Non obstante, o departamento que dirixe Miquel Iceta vén de dar o primeiro paseo en firme para levar a cabo a rehabilitación deste inmoble, despois de solicitarlle licencia ao Concello para a reparación da cuberta (un proxecto de César Portela, presente entre o público asistente, e que suporá un investimento duns 600.000 euros).

Tal e como apuntou o ministro, o inicio destas obras depende unicamente da autorización de Patrimonio da Xunta, ao tratarse dun Ben de Interese Cultural (BIC). «Agardamos facer ao longo do ano todo o que é a reparación da cuberta e logo poderemos poñer en marcha a rehabilitación integral do edificio. Se todos nos movemos con axilidade e dilixencia -subliñou Iceta-, isto o teremos rematado e listo para inaugurar en 2025. É un proxecto que nos interesa moito que se faga, xa que os arquivos son os lugares nos que se custodia a documentación, están abertos aos investigadores, pero tamén cada vez máis centros de cultura e, polo tanto, soen ter salas de actos e albergar conferencias e pequenas exposicións. Un edificio como este merece a pena pensalo neste sentido: non só como un lugar para estudosos e expertos e para custodiar axeitadamente a documentación, senón que tamén sirva á cidade para albergar actividades culturais».

Iceta explicou que os técnicos do Ministerio «non recomendan» que a Biblioteca Pública do Estado se leve tamén ao vello edificio de Facenda, «porque os arquivos esixen cada vez máis espazo e queremos darlle ese uso para outras actividades culturais». «Aconséllannos que busquemos outro lugar para facer unha nova Biblioteca Pública. Estamos dispostos a abordar iso tamén e buscaremos co Concello se existe algún solar dispoñible ou algún edificio que poida servir e que poidamos rehabilitar, de xeito que Pontevedra dispoña dun equipamento de primeiro nivel», apuntou o ministro de Cultura e Deporte.

Concepción do futuro Arquivo como espazo polivalente ao servizo da cultura

Iván Puentes recolleu a luva de confianza lanzada por Iceta, asegurando que «toca meneo», e amosou a súa absoluta confianza en que «o Goberno de España revalidarase co Partido Socialista ao fronte» e en que ninguén pode prescindir dunha xoia coma ti no Ministerio de Cultura e Deporte». «Molestarémosche moitísimo, pedirémosche moitísimo e estou convencido de que, como xa estás a facer con San Francisco, exhibirás o teu compromiso con esta cidade», sinalou.

En opinión de Puentes, «hai moitos partidos políticos que falan e prometen, pero só un que transforma en euros, en investimentos e futuro para a cidade o que promete, que ten as siglas do PSOE e do Goberno de España e agardo que pronto as siglas do Goberno de Galicia cando haxa eleccións autonómicas». O candidato socialista á Alcaldía celebrou o compromiso amosado polo Ministerio de Cultura e Deporte e que «a súa concepción do Arquivo sexa a mesma que ten o Concello de Pontevedra, é dicir, que ademais de ser sede da documentación histórica que ten o Arquivo Provincial, sexa tamén recinto para actividade cultural da cidade, que teña equipamentos que poidan ser utilizados e compartidos da sociedade, facendo de San Francisco, non un contedor de documentación, senón un edificio vivo, activo e ao servizo da cidadanía que permita dinamizar a vida cultural de Pontevedra».

Neste sentido, o programa electoral do PSOE plantexa a conversión do vello edificio de Facenda nun espazo polivalente ao servizo dos artistas e a cultura local, así como a configuración da cidade como un espazo cultural continuado (Pontevedra 365), a utilización da Praza de Touros como escenario para grandes concertos e actividades culturais, a potenciación dos eventos de rúa e a desestacionalización dos eventos como activador económico da cidade.

Convite para a Final das Series Mundiais de Triatlón

Iván Puentes aproveitou a ocasión para convidar a Miquel Iceta a asistir á Final das Series Mundiais de Triatlón que se celebrará en setembro na nosa cidade, un convite do que o ministro tomou «moi boa nota», asegurando que, se a súa axenda ateigada de eventos llo permite, estará «encantado» de acudir, porque «ademais, a presidenta da Federación Internacional de Triatlón é española (Marisol Casado), está no Comité Olímpico Internacional e temos moi boa relación con ela». «Hai unha diplomacia deportiva que debemos coidar e alégrome moito de que, desde Pontevedra, se tivese o acerto e a sensibilidade de ofrecerse como sede e de conseguilo, porque isto é o que pon ás cidades no mapa, o que permite recuperar orgullo cidadá e promover oportunidades económicas».

«Toca que Pontevedra elixa ben, e tendo a Iván, por que buscar outra cousa?»

Miquel Iceta tamén se referiu ao mantra que o PP está a repetir para converter estas eleccións municipais nun plebiscito sobre Pedro Sánchez: «Que pouco teñen que dicir, non? Que pouco deben de confiar nos seus candidatos e candidatas. Que pouco programa lles vexo eu… A verdade é que eu alucino un pouco. Eu fun concelleiro, seguín campañas durante máis de 40 anos e nunca antes tiña visto unha pobreza de argumentos tan grande». Na súa opinión, «se un partido non ten méritos propios, amosando unha idea de cidade potente e candidatos e candidatas marabillosos, e o único que sabes é baixar ao barro da descalificación ou converter esta campaña nunhas eleccións distintas», pouca confianza amosa nos seus.

«Tempo haberá para as eleccións xerais, que tamén as imos gañar -aseverou Iceta-, pero agora o que toca é que Pontevedra elixa ben, e tendo a Iván, por que buscar outra cousa?».