Iván saca peito: «O Bloque vende medo, nós ilusión e futuro»

StaM Xeve

«Desde o inicio da campaña electoral, Lores non deixa de repetir a letanía de que o modelo de Pontevedra está en perigo, de que hai inimigos por todas partes e que estes son moi poderosos… As campañas do medo son o primeiro síntoma do esgotamento dun proxecto político. Cando non tes nada novo que ofrecer e non podes vender ilusión e futuro, vendes medo».

Deste xeito radiografou hoxe pola mañá en Santa María de Xeve o candidato do PSOE á Alcaldía de Pontevedra, Iván Puentes, a belixerante estratexia electoral do BNG de cara ás eleccións do 28M.

No marco dun mitin que se celebrou no centro social da parroquia e no estivo arroupado pola secretaria xeral da Agrupación Socialista de Pontevedra, Maica Larriba, e o número 5 da súa candidatura, Marcos Rey, actual concelleiro de Benestar Social, Puentes puxo en valor a capacidade de xestión dos socialistas no Goberno municipal, lembrando que «levamos catro anos traballando con catro concelleiros, fronte aos 11 do BNG, con áreas que eles denostaban cando as solicitamos e que ao final amosaron o que somos capaces de facer». Deste xeito, apuntou, «a Concellería de Benestar Social, a que segundo eles non valía para nada, remata o mandato duplicando os cartos e o número de beneficiarios do Servizo de Axuda no Fogar e puxo en funcionamento a rede de asociacións sociais e culturais do programa Proponte; a de Promoción Económica estivo do lado da xente durante a pandemia e desenvolveu a marca Pontevedra Capital Gastro, e a de Educación soubo manter unha rede de comedores escolares e ludotecas en tódolos centros».

«E a de Desenvolvemento Sostible, esa que eles reducen a Parques e Xardíns e que estaba destinada a segar a herba e plantar catro flores nos parques, acabou por converterse na Concellería que máis investimento captou para Pontevedra nestes catro anos: á marxe dos 25 millóns de euros comprometidos polo Ministerio para a Transición Ecolóxica para restaurar o Lérez e outros espazos naturais, temos 7,5 millóns de euros de fondos europeos, fronte a un millón escaso de 11 concellerías do BNG. Temos un 90% de acerto nas solicitudes de subvencións de fondos europeos concedidos, fronte a apenas un 30% noutras áreas», subliñou Iván Puentes.

Na súa opinión, isto pon de manifesto «que os socialistas sabemos xestionar a cidade, que sabemos o que o concello precisa nestes momentos e que, aínda que a época do cemento estivo moi ben, no 2023 os concellos actuais son moito máis que cemento: sobre todo son verde, calidade de vida e dereitos das persoas, e iso é precisamente tamén o noso proxecto para o rural». 

«É escandaloso que un político de esquerdas diga que Pontevedra se goberna mellor sen PXOM: É como dicir que un vive mellor sen leis que con leis»

Entre as propostas para o rural que recolle o programa do PSOE e que Iván Puentes explicoulles aos veciños de Xeve, o líder socialista fixo fincapé na necesidade dun novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), tildando de «escandaloso» que un político de esquerdas como Fernández Lores sosteña que Pontevedra se goberna mellor sen PXOM: «É como dicir que un vive mellor sen leis que con leis». «Lores non para de repetir que no actual Plan temos contempladas 20.000 vivendas e que, se facemos un novo, só poderemos ter o crecemento que nos pide a Xunta, que son 15.000, polo que perderiamos 5.000 vivendas… Iso é totalmente falso, xa que a Lei do Solo de Galicia prevalece sobre o PXOM e é a que determina onde podemos edificar por moito que diga o Plan», precisou Puentes.

Tal e como aclarou, as licenzas tardan moito tempo en outorgarse porque «agora temos un PXOM que non está adaptado a Lei do Solo e, cada vez que pedimos unha licenza no Concello, é preciso ver o que din o Plan Xeral, a Lei do Solo, as Directrices de Ordenación do Territorio, o Plan de Ordenación do Litoral e toda unha cantidade de leis que se cruzan e que os técnicos municipais deben interpretar». «Se tivesemos un PXOM adaptado -afirma-, xa estaría pintado en base a todas elas e non habería que cotexar nada; poderiamos delimitar os núcleos de poboación do rural, ampliar o número de vivendas e asentar máis poboación».

Asemade, Iván Puentes reseñou outras iniciativas do seu partido para o rural, como a consideración de determinados núcleos rurais como Áreas de Rehabilitación Específica semellantes ás ARI, puidendo acometer a renovación e rehabilitación das súas vivendas, e o compromiso de destinar un mínimo do 10% do orzamento municipal en investimentos para mellorar e completar as redes de abastecemento das parroquias, optimizar o sistema de recollida de lixo, poñer en marcha un plan de mantemento e desbroce das vías públicas e implantar unha combinación do ‘coche a punto’ con transporte colectivo a prezos rebaixados.

O seu compañeiro de partido Marcos Rey subliñou que os socialistas «temos moita ilusión, amosamos que sabemos xestionar e traballar e somos un grupo cohesionado de persoas, algo que se transmite e que a xente sabe percibir». «A maior parte da cidadanía nos agradece as visitas que estamos a realizar coa nosa campaña ‘porta a porta’ -dixo o concelleiro de Benestar Social de Pontevedra-, chegando a sitios no que, como algún veciño de Cerponzóns me dixo, non chega nin o carteiro. Queremos estar preto da xente e atallar os problemas que lles preocupan, como fixemos durante unha pandemia na que o alcalde e os concelleiros do BNG estiveron desaparecidos».

O líder socialista está convencido de que o taboleiro «vaise mover»

Puentes está convencido de que «non é un momento calquera e que estamos ante unhas eleccións municipais que son probablemente as máis abertas e menos previsibles que tivo Pontevedra nos últimos 15 anos». Ao seu xeito de entender, «tódalas enquisas e todo o que podemos palpar na rúa falando cos veciños e veciñas detectan que o BNG está caendo e que é necesario darlle un cambio a este Concello, que o PP se atopa estancado e que o PSOE non para de medrar». «Ademais, a unha semana de que votemos -apuntou o candidato á Alcaldía- hai moita xente que aínda non ten decidido a quen vai votar, sobre todo xente que lle votou a Lores no pasado e que hoxe está dubidando que facer… Estamos nun escenario aberto e que ninguén vos convenza de que isto está decidido e que nada se vai mover: haberá cambios e baile de concelleiros na Corporación municipal. Vaise mover o taboleiro».