Máis implicación da xente moza

Bota polo teu concello, a orixinal campaña das XSG, recala en Pontevedra
Con XXSS

O candidato Iván Puentes transmitiu esta mañá o seu desexo de converter Pontevedra nunha capital que xere actividade económica, emprego e oportunidades de traballo para a xente moza, no marco dun orixinal encontro que tivo lugar a Praza da Peregrina con membros das Xuventudes Socialistas de Galicia (XSG).

Nun escenario no que, ademais dunha mesa informativa, foron instaladas unha canastra, unha pelota e unha urna (para que a veciñanza puidese facer chegar os seus desexos e demandas), a campaña ‘Bota polo teu concello’ das XSG pretendía así trasladar a tódolos pontevereses a idea de que «a política non é só seriedade, senón tamén diversión, inclusión e participación», como sinalou o seu secretario xeral, Xurxo Doval.

Doval, acompañado do responsable das Xuventudes Socialistas en Pontevedra, David Fraga, e da súa actual secretaria de Igualdade, Estrela Vilacoba, manifestou o desexo da organización política de apoiar a Puentes e sinalou que “Pontevedra pode ofrecerlle á mocidade outro tipo de cidade, cunha cultura do ocio máis saudable, con oportunidades de emprego e estabilidade nas súas vidas, algo que se pode conseguir a través dun goberno socialista en Pontevedra que se complemente co goberno de Estado á hora de atender as demandas dos máis mozos e mozas”. “Un cambio -engade- que virá da man de Iván Puentes”.

Tras marcar unha tripla, o candidato á Alcaldía fixo un chamamento á mocidade a participar na política independentemente da súa ideoloxía: «É preciso que a xente moza se implique e que saiba que a política é o único xeito de resolver e de darlle resposta ás necesidades da súa vida”, sinalou. Ademais, Puentes pídelle á mocidade “confianza no partido socialista como forma de dar resposta ós seus retos e demandas”. Unha confianza que se verá recompensada cando chegue ao Goberno municipal a través das diferentes propostas do seu programa electoral.

O líder socialista pontevedrés subliñou que “a mocidade non é un colectivo diferenciado do resto e non só hai que pensar en ela en torno a políticas de xuventude e lecer”, senón que teñen que “recibir políticas transversais en torno a tódolos asuntos que se desenvolvan no concello cunha perspectiva que implique á mocidade”.

No eido urbanístico, Puentes recordou que desenvolverá “unha cidade 8-80”, unha proposta que pensa no deseño de un espazo urbano e equipamentos públicos “para cidadáns de mediana idade, pero tamén na poboación maior de 80 anos e dos máis mozos”. Neste senti do, o candidato socialista expresou a súa vontade de que “dende o Concello se remate coa deixación absoluta que fai o PP dende a Xunta de Galicia en materia de vivenda pública, e poidamos poñer en marcha no vindeiro mandato un parque de vivenda pública que comezará cos 73 inmobles que executará o Goberno de España na cidade en terreos do entorno do Mollabao e Campolongo, pero que posteriormente o Concello irá ampliando coa adquisición de vivenda baleira con incentivos fiscais para que as case 8.000 vivendas baleiras que hai na cidade sexan introducidas no mercado do alugueiro, así como a través de promocións de vivenda
 ública, aproveitando as promocións da vivenda privada que recibe o Concello”.

Unha iniciativa que, en palabras de Puentes, “contará con acceso preferente das persoas con menos recursos e para a xente moza que é a que ten máis problemas para emanciparse”.

Doutra banda, o socialista lembrou as súas propostas no eido do ensino, entre as que figuran a apertura dos centros de ensino en horario non lectivo para que as instalacións deportivas estean a disposición de toda a cidadanía pero particularmente da xente moza en tódolos barrios e puntos da cidade; así como do servizo de bolsas para estudar no estranxeiro para alumnos e alumnas de Secundaria, coa finalidade de mellorar a aprendizaxe do inglés durante os veráns.

Xunto con Puentes, asistiron ao acto coas XSG os números 2, 3 e 4 da súa lista electoral, a actual concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, o secretario de Educación e Cultura da Agrupación Socialista de Pontevedra, Manuel Fariña, e a parlamentaria Paloma Castro.