Mellorar a atención en Benestar Social, unha prioridade

Marcos Rey fixo a proposta nun debate de AMENCER-ASPACE
WhatsApp Image 2023-05-10 at 13.08.20 (2)

O concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, número 5 da lista electoral liderada por Iván Puentes, salientou esta mañá nas ‘Conversas sen límite con Amencer-Aspace’, o seu propósito de incrementar o orzamento da área de Benestar Social nun 15% así como o seu persoal, a fin de mellorar a atención aos usuarios e usuarias.

Ademais, Rey indicou que entre as medidas estrela dos socialistas levarase a cabo o aumento do presuposto do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) nun 20% -xa duplicado neste mandato- e tamén no número de beneficiarios, así como a creación da Oficina da Dependencia para axilizar e reducir a espera nos trámites previos á valoración da Lei de Dependencia.

O concelleiro socialista aproveitou estas conversas integradas no proxecto ‘Exerzo os meus dereitos’ de Amencer-Aspace, para recordar que xa é unha realidade o primeiro cambiador inclusivo de Galicia instalado en Campolongo, un espazo “que está a resolver as necesidades especiais de moitos cidadáns que os baños accesibles non satisfacen”; así como o Programa Comunico, un servizo de mediación e interpretación para persoas con diversidade sensorial que é un “paso adiante para acadar a equidade” -sinalou Rey-.

O concelleiro de Benestar Social indicou que “o sistema público de servizos sociais debe responder aos principios de solidariedade, universalidade, igualdade, non discriminación, proximidade, atención personalizada, en tanto que as políticas sociais son un dereito da cidadanía”. Rey recordou que trala pandemia “adoptáronse medidas de urxencia para atender á poboación máis vulnerable, un feito que significou un enorme esforzo por parte do persoal da área”, e amosou o seu compromiso de continuar o traballo desenvolvido ata o de agora “dotando aos Servizos Sociais Municipais dos medios humanos e materiais necesarios para dar resposta ás actuais e futuras necesidades da cidadanía, garantindo así os seus dereitos sociais”.

Ademais, Marcos Rey tivo a oportunidade de conversar coas persoas con diversidade funcional en Pontevedra neste debate celebrado na oficina Caixabank Office Store da rúa Riestra, coñecer as súas necesidades e demandas e presentar as propostas electorais socialistas en relación ás diferentes demandas plantexadas. 

Accesibilidade e mobilidade inclusiva

A inclusión de toda a cidadanía é un dos eixos fundamentais segundo explicou o concelleiro de Benestar Social. En canto aos recursos de atención á dependencia, sinalou que todas as actuacións en espazos públicos terán en conta as diversas necesidades das persoas con discapacidade: accesibilidade, itinerarios con pictogramas, cambiadores inclusivos, parques e mobiliario urbano adaptados, semáforos acústicos, etc; e que se dotará a Pontevedra duns servizos sociais que conten con recursos humanos e materiais suficientes para acadar a mellor atención a toda a cidadanía. Para iso, Rey amosou o compromiso de incrementar o número de Unidades de Traballo Social (UTS) de 9 unidades actuais a 13, coa fin de garantir o acceso inmediato da cidadanía aos Servizos Sociais.

O socialista considera de especial importancia elaborar un Plan de Inclusión Social permanente como elemento fundamental no proceso de superación das barreiras que poidan impedir a normal integración social, impulsando a inserción laboral das persoas que se atopan en especial dificultade de acceso ao emprego, así como potenciar o Servizo de Axuda ao Fogar (SAF) tanto de dependencia como básico, e os programas de coidado aos coidadores, de respiro familiar e atención social domiciliaria de urxencia 24 horas, de modo que se logre suprimir a lista de agarda e responder ás necesidades sociais dun amplo sector da poboación.

No bloque dedicado á mobilidade Marcos Rey subliñou a necesidade de contar cun transporte público de verdade, polo que solicitarase a revisión dos horarios e paradas das actuais liñas de autobús (L1 e L2) axustándoas ás necesidades dos usuarios e usuarias, a inclusión do tren a Vigo e Vilagarcía no Plan de Transporte Metropolitano de Galicia, abaratando os custos da viaxe así como mellorando o modelo de conexión das parroquias co centro urbano e a posibilidade dun transporte subvencionado no rural. Tampouco faltan propostas de acceso ao Hospital de Montecelo, con dous circuítos de acceso sanitario sen lombos, un aparcamento público e gratuíto, así como servizo de transporte público colectivo.

Entre outras, o número 5 da lista considera que é preciso desenvolver organizar actividades accesibles, como andainas ou rotas que teña en conta ás persoas que padezan algún tipo de discapacidade; a eliminación de barreiras arquitectónicas xunto acordos coas asociacións que traballan no ámbito da discapacidade e a Concellaría de Promoción Económica identificando os locais e establecementos de Pontevedra que cumpran cos requisitos de accesibilidade.

Pontevedra, cidade 8-80

O concelleiro de Benestar Social, presenta o proxecto de converter Pontevedra nunha “cidade 8-80”, con espazos públicos que atendan ás necesidades dos menores de 8 anos e dos maiores de 80. Neste senso, Rey recorda que é preciso traballar en programas de detección e intervención familiar prestando especial atención á protección da infancia e a mocidade, coa fin de solventar as dificultades de adaptación social, absentismo escolar e outras condutas de menores en situación de risco.

Entre as promesas socialistas tamén se desenvolverán accións contra a soidade e o illamento das persoas maiores, a través de programas comunitarios nos barrios e parroquias para o mantemento da autonomía persoal,  tales como talleres de memoria, actividades ocupacionais, actividade física, acceso ás novas tecnoloxías ou as Noites Abertas Sénior; a atención a nais e pais con cargas familiares non compartidas, en situación de paro prolongado ou con especiais dificultades de acceso ao mundo laboral.

Marcos Rey sinalou que un dos puntos fundamentais do programa socialista é “estender de forma prolongada os dereitos de todos os cidadáns, homes e mulleres, independentemente da súa condición”. No que se refire á interculturalidade e o terceiro sector, o programa do PsdeG de Pontevedra propón a creación do Consello Municipal de Servizos Sociais, como órgano consultivo e espazo de encontro do terceiro sector para a posta en marcha de accións de política social axustadas ás necesidades reais da poboación; que a Casa das Asociacións se converta nun punto de encontro no que as diversas entidades que traballan en Pontevedra conten cun local propio adaptado a cada colectivo e favorecer intercambios que promovan a interculturalidade.

Por último, Rey tamén plantexou crear un plan cultural estratéxico para a dinamización cultural establecendo convenios de colaboración con asociacións e entidades culturais e implantar un bono cultural para os colectivos de menor poder adquisitivo.