O proxecto educativo co que o PSOE concorrerá ás eleccións do 28 de maio promoverá a creación dun programa de bolsas municipais destinado a financiar cada verán (en función da renda familiar) intercambios internacionais e estancias de tres semanas no Reino Unido e Irlanda.
A iniciativa de inserción lingüística en países estranxeiros, deseñada para alumnos e alumnas de Secundaria que desexen mellorar o seu nivel inglés, traduciríase nun investimento de 250.000 euros ao ano, destinándose unha contía máxima de 2.500 euros por beneficiario, o que permitiría sufragar anualmente estadías duns 150 estudantes.
As bolsas irían destinadas a alumnado de 3º da ESO cunha nota igual ou superior a 7 en Inglés, polo que o equipo de Iván Puentes ten calculado chegar a un 25% do alumnado total matriculado neste curso no concello de Pontevedra. A medida foi anunciada na Praza da Peregrina no marco dun novo coloquio a pé de rúa no que, baixo o título ‘Hoxe falamos de… Educación’, o propio Puentes e mailo número 3 da súa lista, Manuel Fariña, profesor e secretario do IES Frei Martín Sarmiento e secretario de Educación e Cultura da Executiva Local Socialista, explicaron os principais proxectos do PSOE no eido educativo.
Segundo subliñou o candidato, «os e as socialistas cremos que os municipios xogan un papel determinante á hora de facer efectivo o dereito á educación e, nese sentido, deben ofrecer recursos que contribúan á mellora das aprendizaxes». «Pontevedra -sinalou Iván Puentes- dispón de importantes recursos potencialmente educactivo, como parques, museos, teatros ou centro de investigación públicos, que precisan apoio e medios organizativos para seren aproveitados polos centros educativos. É necesario tamén afrontar retos como o uso destes centros máis aló do horario escolar para facilitar a conciliación e o desenvolvemento integral dos nenos e as nenas en ámbitos artísticos, deportivos e lúdicos».
Os socialistas impulsarán a elaboración dun Plan de Mellora do Mantemento das Instalacións Educativas Municipais que, en colaboración cos centros educativos e co resto de administracións implicadas, organice as necesidades e investimentos ao longo do mandato. Tal e como apuntou Manuel Fariña, «o gasto educativo en Pontevedra é agora mesmo de 109,75 € por habitante (un 2,85% do presuposto municipal), o que supón o orzamento máis baixo das sete grandes cidades galegas, xunto con Ferrol: na Coruña é de 154,48 € por habitante (3,16% do orzamento); en Lugo de 161,95 € (3,71%); en Ourense de 199,75 € (4,45%), en Santiago de 178,54 € (3,58%) e en Vigo de 185,81 € (5,01%)».
«Consideramos imprescindible duplicar o orzamento destinado ao mantemento e renovación dos colexios dependentes do Concello; facer unha revisión anual de cada centro e mellorar o sistema de aviso dos colexios á Administración municipal para atender en tempo e forma as emerxencias e necesidades de mantemento», asegurou Fariña.
Ademais, o programa educativo do PSOE tamén aposta por promover o uso dos espazos escolares fóra do horario lectivo, aproveitando o potencial das instalacións dos nosos centros docentes públicos, en especial bibliotecas e infraestruturas deportivas, no canto de telos pechados e sen uso. Para o candidato á Alcaldía de Pontevedra, Iván Puentes, «as pistas, instalacións polideportivas, pavillóns, campos de fútbol e parques infantís dos colexios deben abrirse polas tardes e as fins de semana para o seu uso por parte de toda a cidadanía».
Neste sentido, Manuel Fariña salientou que «o CEIP Álvarez Limeses podería converterse no parque do barrio; os CEIP A Xunqueira I e A Xunqueira II e o CEP Campolongo contan con parques infantís que poderían ser utilizados por toda a cidadanía fóra do horario lectivo; centros educativos das parroquias, como os CEIP A Carballeira e San Martiño, quedarían convertidos en centros de reunión e xogo para os nenos e nenas, e o CEIP Manuel Vidal Portela ofrecería pistas cubertas para o uso de toda a cidadanía».
Escola da Segunda Oportunidade e comedores en Secundaria
Entre as propostas máis novidosas dos socialistas figuran a creación dunha Escola de Segunda Oportunidade, un servizo que desenvolverá Plans de Acompañamento e Apoio para o Éxito Escolar e Plans de Segunda Oportunidade para rescatar aos mozos e mozas que abandonaron os estudos de xeito precoz, e a activación de Bancos Municipais de Material Escolar (libros de texto e material informático de uso docente) que faciliten a súa adquisición ás familias, nomeadamente ás máis necesitadas en función da renda.
O programa exposto por Puentes e Fariña pretende potenciar as axudas para comedores escolares e ludotecas nas etapas de Educación Infantil e Primaria, en colaboración coa Fanpa e cos centros educativos. Ademais, tal e como apuntou o candidato do PSOE á Alcaldía, «crearemos comedores escolares na etapa de Secundaria, co obxectivo de seguir favorecendo a conciliación familiar».
«De forma prioritaria e en colaboración coa administración educativa autonómica -afirmou Iván Puentes-, impulsaremos a oferta educativa do primeiro ciclo de Educación Infantil, de cero a tres anos, facilitando solo dispoñible para estender as infraestruturas necesarias. Tamén promoveremos un novo Plan de Actividades Extraescolares e Complementarias para tódolos ciclos educativos, desenvolvendo accións integradas entre os centros escolares, as familias e o tecido asociativo e cultural da nosa cidade».
Igualdade e promoción da ciencia
Os socialistas tamén difundirán o Plan de Igualdade no seo da comunidade educativa, poñendo en marcha un Programa de Educación Afectiva e incorporando as achegas e logros realizados por mulleres no currículo dos centros educativos (para o que crearán material didáctico propio). «Seguiremos a difundir a ciencia entre a cidadanía desde o ámbito educativo mediante a programación de Talleres de Ciencia (Astronomía, Mecánica, Electrónica, Química…), sempre dende unha perspectiva de xénero», subliñou Manuel Fariña.
A creación de clubs participativos de loita contra o cambio climático nos centros, xerando así unha rede de voluntariado ambiental e de concienciación cidadá, e a promoción da reciclaxe de residuos en tódolos colexios e institutos tamén son medidas contempladas no programa socialista de cara á cita do 28 de maio.