Monte Porreiro entra en campaña

Iván Puentes presenta varios e interesantes proxectos para esta importante urbanización pontevedresa
WhatsApp Image 2023-05-14 at 14.31.11 (2)

A creación dunha unidade descentralizada de Atención Social, a dotación dunha nova pista multideporte, a construción do maior circuíto de pumptrack de Galicia e a apertura ao público do parque da Uned son algúns dos principais proxectos cos que o PSOE pretende dar continuidade aos investimentos realizados no barrio de Monte Porreiro ao longo do mandato.

Este compromiso foi ratificado polo seu candidato, Iván Puentes, no marco dun mitin celebrado na Praza de Europa (obxecto dunha grande transformación por parte da Concellería de Desenvolvemento Sostible, liderada por Puentes), no que estivo arroupado pola secretaria xeral da Agrupación Socialista de Pontevedra, Maica Larriba, e polo histórico dirixente veciñal Ángel Mario Lago, número 9 da súa lista, e que contou coa asistencia dos ex candidatos á Alcaldía Antón Louro e Roberto Taboada.

Puentes, que tamén participou antes do mitin nun reparto de material electoral a pé pola urbanización xunto con outros membros da candidatura, fixo balance das numerosas actuacións que os socialistas levaron a cabo nestes catro anos, entre elas a construción dun parque para cans nas inmediacións da Galiña Azul e «a reforma da Praza de Europa, unha obra que está aínda sen rematar, pero na que xa se completou a xardinería no perímetro do parque infantil e se instalaron unha tirolina e unha pista multideporte, quedando por facer o axardinamento da zona máis próxima á igrexa e dotación da nova iluminación neste contorno». «Temos a piques de sacar a contratación un dos nosos proxectos máis ambiciosos e que máis ilusión me fai -sinalou o cabeza de lista do PSOE-, que é a renovación integral dos xardíns da Uned e a súa incorporación ao espazo público e ás zonas verdes do Miradoiro. É algo que será realidade en moi pouco tempo, posto que xa temos o proxecto e o orzamento, e o único que resta son os trámites administrativos de licitación e adxudicación».

Segundo destacou, «outra das obras importantes que xa está a executarse e a piques de finalizarse é a restauración da vella ponte do ferrocarril sobre o Lérez para convertela nun privilexiado balcón sobre o río, que permitirá unha conexión peonil e ciclista entre Lérez, Monte Porreiro e a praia fluvial, así como adecentar ese contorno». «Nesa mesma ubicación -salientou Iván Puentes- podemos comezar a falar de proxectos de futuro que xa teñen cartos asignados e que Monte Porreiro verá executados no vindeiro mandato, como son o treito de vía verde, dentro do termo municipal de Pontevedra, que nos conectará con Vilagarcía e que pasará por esa zona da vella ponte do ferrocarril; a restauración dos salóns do Lérez, que temos ao pé da ponte do tren, que conta con financiamento europeo, e toda a mellora da zona verde que discorre entre o campo de fútbol de Monte Porreiro e a rúa Alemaña, 

Puentes tamén avanzou a súa intención de poñer en marcha «a reforma integral do parque infantil da Praza de Europa, no que xa se instalou unha tirolina e se repararon os elementos de xogo, pero que será ampliado e no que se renovará o chan na súa totalidade», e dado o éxito e a alta demanda de emprego da pista multideporte instalada na Praza de Europa, anunciou a creación dunha segunda pista multideporte que garanta unhas maiores posibilidades de práctica deportiva para tódolos veciños e veciñas do barrio. 

A Coruña ten 95 traballadoras sociais, Pontevedra 7

O candidato socialista lembrou que A Coruña (cun censo duns 300.000 habitantes) conta con 95 traballadoras sociais, mentres que Pontevedra (con arredor de 83.000 veciños) só dispón de 7, «exactamente igual que calquera vila de 15.000 ou 20.000 habitantes, o que significa non ter capacidade real para atender ás necesidades da veciñanza de Monte Porreiro e do resto de Pontevedra». Tal e como apuntou, «Coruña ten ademais outra cousa mellor, que nós queremos copiar e iniciar en Monte Porreiro: a dotación de unidades descentralizadas de atención social con pedagog@s, psicólog@s e traballadores sociais nos diversos barrios». «A primeira crearémola en Monte Porreiro», anunciou o líder do PSOE.

Entre as propostas contempladas no programa do PSOE figuran ademais a transformación da actual pista de BMX situada a carón do Miradoiro «no maior circuíto de pumptrack de Galicia, modificando o seu trazado, pavimentándoo e converténdoo nunha instalación moderna que permita o aprendizaxe, perfeccionamento e competición desta modalidade deportiva».

A Xunta débelle 8,5 millóns de euros ao barrio

Na súa intervención, Puentes tamén fixo fincapé na necesidade de exixirlle á Xunta de Galicia «os 8,5 millóns de euros que se comprometera a investir en Monte Porreiro para reurbanizar as rúas e beirarrúas (dos dez millóns anunciados apenas se investiron 1,5 millóns)». «É unha promesa eternamente posta enriba da mesa e nunca cumprida e tócanos exixirlle ao PP que cumpra a súa palabra», asegurou.

Iván Puentes insistiu en que «é a primeira vez en décadas que o PSOE pontevedrés inicia unha campaña electoral na que as enquisas non lle dan á baixa, senón á alza, e na última (de Sondaxe) incluso un punto máis do que nos daba hai dous meses». Ademais, Puentes resaltou como dato esencial das enquisas a existencia de «máis dun 20% de xente que a día de hoxe, a 15 días das eleccións, non sabe aínda o que vai votar e que será clave para esa foto final». «Na rúa pálpase un convencemento de que é necesario abrir un tempo novo en Pontevedra e rachar coa inercia na que levamos instalados nos últimos tempos», afirmou o socialista.

Maica Larriba amosouse convencida de que, ademais do compromiso «longamente amosado polo PSOE» co barrio de Monte Porreiro, «temos o mellor programa, o mellor equipo e o mellor candidato, Iván Puentes, que vai ser o vindeiro alcalde de Pontevedra e que sempre vai gobernar atendendo ás necesidades das persoas, saíndo á rúa, escoitando aos cidadáns e levando adiante todo aquilo que serva para mellorar a calidade de vida». Pola súa banda, Ángel Mario Lago asegurou que o Partido Socialista «merece unha oportunidade en Pontevedra para amosar do que é capaz», xa que o BNG «deixou ao barrio de Monte Porreiro totalmente ignorado e desatendido e o único que propuxo foi un proxecto que os veciños non pedimos e que nos ía causar un grande trastorno a moitos de nós, que era facer peonil un treito da rúa Alemaña», e o PP «deixou sen executar un plan de humanización que ía constar de catro fases, no que se ían investir dez millóns de euros e que está paralizado, metido nun caixón».