Morant anima a innovar e non quedar estancados

Morant

«Iván Puentes non quere aplicar as vellas receitas, senón as novas, as do futuro e o progreso. Moitas veces o que funcionou até o de agora non ten por que funcionar para o futuro, porque quedamos estancados. De iso van a ciencia e a innovación, de dar un impulso novo, de facer as cousas doutro xeito, buscando sempre que as cousas sexan mellores do que tiñamos. E para iso non tendes mellor alcalde que un investigador que se dedica profesionalmente a buscar cada día novas respostas para os retos do futuro».

Deste xeito arroupou en Pontevedra a ministra de Ciencia e Innovación, Diana Morant, a candidatura á Alcaldía dun Puentes que definiu como «unha mente inqueda, brillante e eficaz, que se dedica como investigador a facerse as preguntas axeitadas e a buscar as respostas, e iso é que fai tamén na política».

Segundo sinalou no marco dun mitin electoral celebrado na Praza da Peregrina e ateigado de público, «como investigador, tamén está acostumado a ter buscar financiamento, e Iván acadou o maior financiamento que nunca xamais tivo Pontevedra, con eses 25 millóns de euros do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (comprometidos polo Ministerio para a Transición Ecolóxica) para transformar a ribeira do río Lérez e preparar a esta cidade para o futuro». Para Diana Morant, «se unha intelixencia artificial tivese que inventar ao mellor alcalde para Pontevedra, sairía Iván: rigoroso, traballador, con enerxía e paixón». «Pero a Iván -engadiu- non o vai facer alcalde unha intelixencia artificial, senón a intelixencia colectiva de tódolos veciños e veciñas de Pontevedra que o van apoiar este domingo. Porque Pontevedra non pode perder ningún tren máis. Iván Puentes debe converterse no primeiro alcalde socialista de Pontevedra».

A ministra subliñou que, tras un rato na nosa cidade, «Pontevedra xa me di que ten un modelo pensado para as persoas, para a súa calidade de vida, e tamén me di que aí estivemos os e as socialistas sempre apoiando, porque somos un partido responsable e axudamos a que o progreso avance». «Pero é a hora -afirmou Morant- de que o progreso avance de xeito activo e iso o vai facer o PSOE con Iván Puentes. Non nos resignamos a que Pontevedra quede como unha cidade estampa ou postal bonita, que achegue só esa beleza aos seus cidadáns. Queremos que aporte tamén todo o que se pode despregar en materia de emprego, de oportunidades e de universidade, sobre todo de cara á xente máis moza».

Diana Morant explicou que «o que o PSOE lle pide á xente é que vote o que pensa, que defenda co seu voto o que pensa, que vote en conciencia, que esqueza se toda a vida votou ao PP ou se aquí en Pontevedra toda a vida lle votou ao BNG». «Apostade polo Partido Socialista -pediu-, porque esa unión entre o PSOE en Pontevedra e o PSOE no Goberno de España é a política útil, o voto útil, o voto de progreso para Pontevedra. Non hai outro».