O candidato socialista a Alcaldía presenta a súa lista electoral nun acto celebrado no Club Naval de Pontevedra, ao que asistiron unhas 300 persoas e no que participaron o ministro de Sanidade, José Miñones; o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso; a presidenta do partido, Carmela Silva; o secretario xeral provincial e delegado da Zona Franca, David Regades e a secretaria xeral dos socialistas de Pontevedra, Maica Larriba.
O ministro José Miñones ratificou o compromiso da Dirección Xeral da Costa de destinar 25 millóns de euros aos proxectos de recuperación medioambiental do río Lérez, a Xunqueira de Alba, e o río Rons, así como da parcela do antigo campo de fútbol de Ponte Sampaio, en terreos de Dominio Público Marítimo Terrestre. Miñones destacou a importancia da «revolución verde e azul» que Iván Puentes «xa definiu e marcou para a Pontevedra do futuro» e a súa aposta, a través da estratexia Pontevedra Flúe, pola renaturalización dos espazos naturais de Pontevedra.
O ministro de Sanidade certificou o compromiso do Goberno de España cos proxectos da Concellería de Desenvolvemento Sostible, encabeza por Puentes, no marco da festa de presentación da lista electoral coa que os socialistas concorrerán á cita do 28 de maio, nun acto que tivo lugar no Club Naval, no que participaron arredor de 300 persoas e ao que, ademais do candidato e de Miñones, tamén asistiron o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso; a presidenta do partido, Carmela Silva; o secretario xeral provincial e delegado da Zona Franca, David Regades e a secretaria xeral dos socialistas de Pontevedra, Maica Larriba.
Durante a súa intervención, o ministro de Sanidade destacou a aposta de Iván Puentes pola restauración de espazos naturais degradados e a loita contra o cambio climático, a través da estratexia Pontevedra Flúe, comezando pola recuperación e destape do río Gafos, que hoxe conta cun orzamento de 3,7 millóns de euros do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, para acometer as obras e que a cidade conte cunha zona naturalizada en pleno corazón urbano.
Puentes e os 25 membros da lista do PSOE ás eleccións municipais elixiron o Club Naval, a carón do río Lérez, para presentar unha candidatura chea de ganas e espírito mozo, antes de iniciar a conta atrás da campaña electoral oficial que comezará en maio. O candidato considera que esta lista mestura mocidade e experiencia e que tódolos seus membros están «dispostos a conseguir unha cidade que esperte do sono no que se atopa inmerso a Pontevedra que vén». O número 1 socialista deu a coñecer a un equipo «forte e sólido, con concelleiros que xa teñen experiencia, pero tamén con caras novas que dotan de esperanza e ilusión á candidatura do PSOE pontevedrés».
O club amosou un cheo absoluto e non faltaron alcaldes da provincia e candidatos, como o socialista á Alcaldía de Poio e deputado provincial Gregorio Agís, e outros cargos institucionais do partido como os parlamentarios Julio Torrado, Leticia Gallego e Gonzalo Caballero; os deputados Guillermo Meijón, Olga Alonso e Ángeles Marra; e os senadores Marica Adrio e Modesto Pose, que arrouparon aos membros da candidatura.
Amor por Pontevedra
O secretario xeral do PsdeG, Valentín González Formoso, indicou que “Pontevedra necesita a Iván Puentes, unha persoa entusiasta que fai política construtiva, capaz de ter visión de cidade e de imaxinar a Pontevedra que quere”. “Iván rompe o discurso de renuncia da cidade a ter vida económica propia, a ter perspectivas de traballo para o talento que durme nesta cidade”, proseguiu Formoso, quen cualificou a Puentes como «unha persoa capaz de levar a cabo un proxecto de futuro, cunha capacidade de interlocución enorme con tódalas administracións” e que, ademais, “ten a capacidade de sosegar e pacificar calquera ambiente na propia cidade, e polo tanto o alcalde imprescindible”.
Tamén de entusiasmo falou Carmela Silva, presidenta do PSdeG, quen sinalou que “Pontevedra é unha cidade extraordinaria, chea de posibilidades, que ten en Iván Puentes e na súa candidatura a mulleres e homes que senten paixón pola súa vila, con grandes proxectos para ela e que van dedicar todo o seu tempo a poñer en marcha tódalas grandes transformacións que se precisan para seguir avanzando”. “O amor por Pontevedra”, indicou Silva, “é o motor que impulsa a Iván e á súa equipa”.
Pola súa parte, o secretario xeral provincial do PSdeG e delegado da Zona Franca, David Regades, destacou que “Iván representa un proxecto socialista renovado e con forza para Pontevedra. As mulleres e homes do PSOE teñen contribuído decisivamente nos anteriores mandatos para que Pontevedra avanzase e se transformase na cidade moderna e referente que hoxe é”. Regades sinalou que “moitas das grandes cousas que se teñen feito en Pontevedra levan o selo de concelleiras e concelleiros socialistas, e Iván está chamado a continuar esa tradición e conta con todo o meu apoio como secretario xeral e máis aínda como delegado da Zona Franca, que aumentará a súa acción cando sexa alcalde”.
