Organizar a recollida de lixo sen contedores na zona monumental

WhatsApp Image 2023-04-30 at 14.07.32 (3)

As propostas de carácter medioambiental que o PSOE inclúe no seu programa electoral foron presentadas esta mañá na Praza da Peregrina no faladoiro ‘Hoxe falamos de… Medio Ambiente’, protagonizado polo candidato á Alcaldía, Iván Puentes, e maila secretaria de Medio Ambiente da Agrupación Socialista de Pontevedra, Patricia Vilán

A instalación de alternativas enerxéticas nos edificios públicos que máis idóneos resulten para a xeración de enerxía verde e a creación dunha asociación de comunidade enerxética con finalidade e interese públicos son algunhas das propostas que o PSOE pontevedrés inclúe no programa electoral co que a lista liderada por Iván Puentes concorrerá ás eleccións do 28 de maio. Entre as iniciativas que os socialistas se comprometen a levar a cabo en materia medioambiental tamén se contemplan a aplicación de medidas de instalación e retirada automática de contedores en espazos sensibles da cidade, como a zona monumental, o emprego de augas depuradas para o rego e o impulso do proxecto de recuperación e dragado da ría de Pontevedra.

Estas e outras medidas foron debulladas no transcurso dun faladoiro celebrado esta mañá na Praza da Peregrina baixo o título ‘Hoxe falamos de… Medio Ambiente’, protagonizado polo propio Iván Puentes e por Patricia Vilán, membro da súa lista e secretaria de Medio Ambiente da Agrupación Socialista de Pontevedra. Segundo afirmou o candidato socialista á Alcaldía, «os pontevedreses teñen dereito a gozar dun aire limpo, de auga de calidade e de contornas de vida saudables e, polo tanto, teñen dereito a que desde o seu Concello se desenvolvan políticas medioambientais de xeito transversal e global en toda a acción de goberno, tal e como as consideran as Nacións Unidas nos seus Obxectivos para o Desenvolvemento Sustentable». «É por iso -apuntou Puentes- que os socialistas de Pontevedra falamos do cambio climático, de transición ecolóxica, de redución de emisións e de adaptación á crise climática, tamén desde o local».

O líder do PSOE, actual concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, asegurou que «dada a importancia transversal do Pacto Verde Europeo, impulsaremos a educación ambiental, apostando pola formación e a investigación, artellando en paralelo políticas de comunicación e participación social en materia ambiental no ámbito do noso concello». 

Residuos, enerxía e economía circular

O paquete de medidas deseñado polos socialistas abrangue propostas de enerxía e economía circular, como a mellora da iluminación sostible nos parques do municipio, a instalación de parapetos que servan para protexer da choiva e a calor nas zonas escolares e a modulación da intensidade das luminarias públicas durante a noite. 

Asemade, Patricia Vilán desglosou algunhas das principais proposicións do PSOE en materia de tratamento de residuos: «Á marxe da instalación e retirada automática de contedores en zonas sensibles, plantexamos a aplicación de cláusulas sociais en tódolos modelos de contratación do Concello; a posta en marcha dunha Oficina de Recollida de Pequenos Electrodomésticos e dun servizo de recollida de pilas, tóners e aceite; o desenvolvemento dun Plan de Desamiantado Municipal, e a doazón dos residuos provintes da hostalería, entre outras».

Fomento do transporte público e carrís bici

Vilán tamén desvelou algunhas das medidas medioambientais máis relevantes do programa no eido da mobilidade, como «a potenciación do transporte público coa mellora do seu prezo e a creación dunha App cos autobuses en tempo real, a mellora da conexión con tódalas parroquias e a dotación de carrís bici e sendas verdes».

«Tamén apostaremos por incorporar ao noso comercio produtos locais de proximidade, instalar composteiros a carón de tódalas hortas veciñais, incluír variedades autóctonas nos xardíns públicos, deseñar unha Rede de Humedais Municipais, desenvolver un Plan de Erradicación e Retirada de Plantas Invasoras e executar os proxectos e infraestruturas verdes contemplados na estratexia Pontevedra Flúe», sinalou Patricia Vilán.