Os candidatos do PSOE ás alcaldías de Pontevedra e Poio, Iván Puentes e Gregorio Agís, impulsarán a construción dunha pasarela peonil e ciclista que conectará Mollabao coa Puntada. Ademais, unirán forzas para facer realidade os proxectos que permitirán crear unha malla comarcal de carrís bici e enlazar Bora con Combarro a través dunha rede de sendas, así como para demandar unha mellora do transporte metropolitano entre ámbolos municipios.
Estas propostas de colaboración, que os socialistas promoverán desde os seus respectivos gobernos locais, foron ratificadas esta mañá tras un percorrido en bicicleta que Puentes e Agís protagonizaron pola ribeira do Lérez ata o entronque da senda fluvial coa autoestrada AP-9 (nó de Bombeiros).
Tanto Puentes como Agís coincidiron en que o desenvolvemento de dous concellos cunha veciñanza que se move a diario entre un e outro debe ter menos barreiras, dificultades e inconvintes dos que existen nestes momentos para poder facer esa vida diaria. Neste sentido, Iván Puentes subliñou a sintonía dos candidatos sobre a importancia de «potenciar a mobilidade en bicicleta, a mobilidade sostible, que agora mesmo atopa diferentes barreiras». «Os socialistas de Pontevedra -explicou- queremos xerar unha cidade para a bicicleta e por iso levamos no programa electoral unha modificación da Ordenanza de Mobilidade para favorecer e incentivar o seu uso: manteremos as zonas de plataforma única e convivencia de tráfico, con circulación de bicis e preferencia para os peóns, pero na zona do ensanche da cidade, caracterizada por rúas cun único sentido de circulación e un único carril, na que as bicicletas teñen que ir pola calzada, plantexamos que se habilite o dobre sentido, como se fai en París, Bruxelas e outras cidades europeas».
Para Puentes, «non podemos condenar ás bicicletas a facer os mesmos circuítos que os vehículos a motor e, polo tanto, a expulsalas tamén», cando podemos solucionar esta situación «cun simple pintado nos mesmos carrís, sen necesidade de ningún tipo de obra maior». Asemade, os socialistas de Pontevedra propoñen que na zona periurbana (avenidas de Uruguai e Bos Aires, Corvaceiras, 12 de Novembro, José Malvar, as conexións entre o Campus Universitario e a Estación Intermodal e da zona urbana coas parroquias e os concellos limítrofes) se fagan carrís bici que permitan circular con seguridade e conectar a cidade con municipios limítrofes como o de Poio. O obxectivo é xerar unha malla de carrís bici interconectados nas vías perimetrais da cidade (que conecten o centro urbano coas parroquias e os concellos lindeiros).
«Tal e como nos solicitan os colectivos de usuarios de bicicletas, á marxe dos existentes ao aire libre, tamén propoñemos a dotación dunha rede de aparcadoiros seguros para bicis (cubertos e que funcionarían cun código) en diversos puntos do concello, como hai noutras cidades europeas; e adoptaremos medidas para fomentar a implantación da bicicleta eléctrica (con limitación de velocidade para cumprir coa normativa), aproveitando as axudas que xa hai por parte dos gobernos autonómico e do Estado para a adquisición deste tipo de vehículos, unha medida que tivo excelentes resultados en cidades como Vitoria», apuntou Iván Puentes.
Conectar o paseo de Lourido con Pontevedra
Gregorio Agís salientou a importancia de potenciar a conectividade de Poio con Pontevedra e Sanxenxo, con ámbitos como a Ponte da Barca, «onde é necesario habilitar unha senda de maiores dimensións», e nese sentido «xa estamos a traballar con Costas e o Ministerio para a Transición Ecolóxica co obxectivo de unir con sendas peonís toda a fronte costeira, conectando Bora con Combarro». Segundo indicou, dentro do plan deseñado polo concelleiro de Urbanismo de Poio para enlazar a pé o seu municipio inclúese precisamente unha actuación que conectaría o paseo de Lourido coa nosa cidade. Unha senda que se iniciaría no lugar da Puntada, na parroquia de San Salvador, ata Lourido, co obxectivo de facela chegar ata as inmediacións da Ponte das Correntes (cunha extensión total de 3.450 metros).
«Do que se trata -incidiu Agís- é de recuperar o litoral e, ao mesmo tempo, de darlle conectividade tanto peonil como ciclista coa cidade de Pontevedra. É fundamental que nos poñamos de acordo, ter estratexias comúns e coordinarse para que esas barreiras xeográficas que están sobre o papel non se manifesten na realidade».
O candidato á Alcaldía de Poio tamén fixo fincapé na necesidade de optimizar o transporte metropolitano «para dispoñer dunha liña continua desde O Grove ata Pontevedra que funcione ben, que sexa efectiva, nun contexto de moita densidade de tráfico e de grande importancia para o turismo como o que se dá na estrada PO-308». «Seguiremos esixíndolle á Xunta -afirmou Gregorio Agís- que implante o transporte metropolitano cunhas mínimas garantías de funcionamento».
Agís anunciou a intención dos socialistas de Poio e Pontevedra para acometer o proxecto que unirá o barrio de Mollabao coa Puntada a través da ponte da autoestrada AP-9, «unha actuación relativamente sinxela, cunha pasarela que iría apoiada na propia estrutura e que non condicionaría en absoluto ningún aspecto técnico da ponte». «Estamos a traballar con Fomento nesa intervención -sinalou-, que cremos que daría unha conectividade peonil importante entre unha zona moi habitada de Poio e outra zona moi céntrica da cidade Pontevedra, como é a de Mollabao. A pasarela iría ancorada na propia estrutura da ponte e non comprometería en ningún caso a navegación, xa que iría elevada».
Ámbolos concelleiros coincidiron en que todos estes proxectos terán un carácter transformador para os municipios veciños, mellorando o tránsito ciclista e peonil, e insistiron na relevancia de colaborar con outras administracións para facelos realidade. «Son actuacións e investimentos nos que levamos tempo traballando, que teñen un custe relativo e que son fundamentais para a mobilidade, artellando os núcleos poboacionais pola costa e disuadindo do emprego do automóbil. Seguiremos colaborando con Pontevedra e con Iván neste tipo de iniciativas», asegurou Agís.