«Coas predicións que existen de cara ao futuro, que indican que a auga pasará por momentos de escaseza -subliñou Iván Puentes durante o man a man que mantivo con Patricia Vilán-, é preciso comezar a aplicar medidas de aforro. Somos conscientes de que a calidade da auga e a transición hidrolóxica son piares fundamentais na loita contra a crise climática. Ese é precisamente o fundamento de tódalas nosas actuacións no marco do proxecto Pontevedra Flúe, para o que xa temos confirmados para a nosa cidade máis de 30 millóns de euros de investimentos procedentes de fondos europeos».
Neste contexto, Puentes avanzou que «a defensa dos espazos protexidos, incluíndo o control de especies exóticas invasoras, e a rexeneración dos nosos ríos e ría, atópanse entre as nosas principais prioridades». Ademais, apuntou o candidato á Alcaldía, «melloraremos e adaptaremos á recente normativa estatal o sistema de xestión dos residuos do concello, tamén no que atinxe á reciclaxe de residuos domésticos e industriais».
Un río esquecido
Patricia Vilán lembrou que «nestes días estanse a celebrar no convento de Santa Clara unha serie de debates sobre o modelo de cidade (Urbtopías)» e que «o pasado mércores pasou por ese importante foro o grande arquitecto escocés David Sim, que traballou ao carón do pai da transformación urbanística de Copenhague, esa cidade amable á que todos desexamos viaxar algún día, que antes era unha capital asfixiada polos tubos de escape e hoxe é un referente das cidades pensadas para as persoas». «Pois ben, David Sim alabou o noso modelo de cidade, ese polo que os socialistas temos feito tanto -apuntou Vilán-, mais puxo sobre a mesa unha eiva: A Pontevedra fáltalle integrar o río na cidade. O río está esquecido e hai toda unha zona aí que ten moito potencial e que se pode mellorar”.