A web de campaña ivanpontevedra.gal aglutina tódalas propostas recollidas no programa electoral co que a lista liderada por Iván Puentes concorre ao proceso electoral do 28 de maio, así como os contidos de actualidade e datos da candidatura que resultan imprescindibles para que a cidadanía poida achegarse ao proxecto que o PSOE deseñou para A Pontevedra que Vén (lema que preside o sitio).
Un programa recollido en 13 capítulos (Cultura, Deporte, Educación, Igualdade, LGTB, Medio Ambiente, Promoción Económica, Sanidade, Rural, Turismo, Territorio, Urbanismo e Vivenda, Memoria Histórica e Benestar Social) e que se condensa no denominado 28+5: as 33 principais medidas que os socialistas defenderán no vindeiro mandato.
A web, que tamén conta cun apartado no que se relatan unha morea de propostas procedentes das xuntanzas que a candidatura do PSOE vén celebrando coa cidadanía, foi presentada esta mañá por Puentes no transcurso dun almorzo con xornalistas celebrado no Café Moderno, no que estivo acompañado polo deputado Guillermo Meijón. Tal e como explicou o candidato socialista á Alcaldía, «a páxina ivanpontevedra.gal permitirá que a veciñanza nos poida coñecer un pouco mellor a nós e a noso programa, cun par de clicks e unha navegación do máis sinxela». «Conta con datos biográficos, botóns de acceso ás redes sociais da candidatura e un número de whatsapp (o 604 000 162) desde o que calquera que o desexe pode interaccionar co equipo de campaña», apuntou.
Segundo avanzou Iván Puentes, o sitio web «servirá para ir publicando tódalas novidades que se vaian producindo durante a campaña e para ir expoñendo algunhas ideas que daremos a coñecer a medida que vaia achegándose o día 28 de maio». Ao seu xeito de entender, «esta páxina, que quedou realmente bonita e que resume á perfección o programa, a forza, a enerxía e a ilusión coa que acudimos a esta cita do 28 de maio coas urnas, é outro xeito máis de convidar á cidadanía a imaxinar con nós, coa ambición que esta cidade merece, A Pontevedra que Vén».
Non obstante, Puentes amosouse convencido de que «non existe nada que poida substituír ao contacto directo cos veciños, á oportunidade de conversar con eles de ‘ti a ti’ e de coñecer en persoa as súas necesidades, demandas e propostas», polo que os socialistas están a centrar boa parte dos seus esforzos nunha campaña «de rúa, de moito pateo, de porta a porta». «Queremos chegar a todo o mundo, escoitar aos nosos veciños, saber como se senten e cales son os seus puntos de vista sobre os problemas que hai que resolver na cidade e, sobre todo, que poidan ver e coñecer ás persoas que hai detrás do proxecto socialista», afirmou.