Puentes convence á Zona Franca para ampliar O Campiño

Con esta iniciativa desbloquéase o solo para empresas na capital, ante a negativa da Xunta de ampliar o polígono, como tiña previsto
WhatsApp Image 2023-05-12 at 13.13

O candidato do PSOE á Alcaldía de Pontevedra, Iván Puentes, acadou hoxe o compromiso firme da Zona Franca de Vigo de asinar un convenio urbanístico que permitirá a creación de solo industrial mediante a ampliación do polígono do Campiño en 200.000 metros cadrados. Un incremento de chan industrial que se levará a cabo con valor engadido, mediante o desenvolvemento de empresas público-privadas, e que quedará selado este mesmo mes, no Pleno de Presupostos da Zona Franca, coa inclusión dunha partida específica para o polígono do Campiño (reflectíndose así tamén nos Orzamentos Xerais do Estado).

Así o ratificou esta mañá o delegado da Zona Franca, David Regades, quen asegurou que «ante a negativa da Xunta de Galicia, que é a que ten competencias en materia industrial, comprometémonos con Iván Puentes, que é o único candidato de Pontevedra que está a falar e a loitar pola economía e o emprego de calidade, a asinar, cando sexa alcalde, un convenio de ampliación do pológono do Campiño» semellante aos que permitiron desenvolver outros polígonos e instalacións en Nigrán, Baiona, Gondomar, O Porriño, Salvaterra, As Neves e a área de Vigo, «e como asinado hai uns días na Cañiza». «Salvo o de Salvaterra, o resto de polígonos da Zona Franca teñen unha ocupación do 100%. Hai unha demanda de solo industrial no Sur de Galicia, Iván ten a convicción de seguir apostando polo emprego de calidade cando sexa alcalde e para iso vai ter á Zona Franca como socio estratéxico. Xestur non se vai opoñer a desenvolvamos bolsas de solo industrial cando eles non o están a desenvolver e os concellos son os que teñen competencia en materia urbanística», asegurou Regades.

O anuncio do compromiso da Zona Franca de entrar no Campiño-Reigosa «cun convenio e cunha partida orzamentaria» foi realizado por Puentes e Regades no marco dunha visita á nova nave que Setga está construíndo neste polígono e na que estiveron acompañados polo conselleiro delegado da firma pontevedresa, Ángel González Calvo, por outros responsables da empresa, e pola parlamentaria Paloma Castro, número 4 da lista do PSOE. Tal e como subliñou Puentes, «Setga é unha das empresas de referencia de Pontevedra, que amosa o potencial empresarial que ten esta cidade desde o punto de vista da innovación, a externalización, a internacionalización e a xeración de emprego e riqueza neste concello».

O candidato á Alcaldía sinalou que «unha das apostas fundamentais do programa electoral dos socialistas, crucial e vital para Pontevedra nos vindeiros catro anos, é consolidar ese potencial no noso concello, coidar a aquelas empresas que apostan de verdade por seguir instaladas aquí e que non sucumben ás tentacións de emigrar, darlles aínda máis oportunidades e facilidades desde o punto de vista dos trámites administrativos, simplificar os procedementos de obtención de licencias, axilizar os tempos e os prazos de tramitación no Concello, e complementar todo isto con ser capaces de atraer máis empresas a Pontevedra».

«Pontevedra é unha cidade coñecida internacionalmente polo seu modelo amable e pola súa aposta polas persoas e a mobilidade sostible… Pero isto é perfectamente compatible con ser tamén referentes en industria verde, en empresas que aposten pola protección ambiental e a combinen coa xeración de emprego e de riqueza. E para iso, aínda non sendo unha competencia municipal, si que o Concello pode facer determinadas cousas: a primeira que pode e debe facer é aprobar unha modificación do PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal) para xerar máis terreo industrial. Nestes momentos, hai cero metros cadrados dispoñibles de solo industrial no termo municipal de Pontevedra. Tanto o polígono do Campiño como o do Vao teñen toda a súa superficie esgotada e, se unha empresa de referencia quixera asentar aquí, non teriamos terreo para ofertarlle».

«A Xunta négase a cumprir a súa propia planificación»

Segundo expuxo Iván Puentes, «desde o Concello solicitouse a Xestur que ampliase o polígono do Campiño e que cumprise coa súa propia planificación de solo empresarial de Galicia, que contemplaba esta ampliación antes do ano 2024». «E sorprendentemente, a resposta da Xunta, tendo contemplada esa ampliación nos seus proxectos de solo industrial para toda Galicia e tendo un presidente que aínda por riba é de Pontevedra, foi que non», sinalou Puentes.

Puentes avanzou que, unha vez que a Zona Franca aprobe unha partida específica para a ampliación do polígono do Campiño, á marxe do resultado electoral, «eu non faría o que fan outros: independentemente de quen acade os investimentos para Pontevedra e de quen fose o responsable de executalas, contaría sempre co meu apoio». «Estou convencido -engadiu- de que o faremos desde o liderado do vindeiro Goberno municipal».

David Regades puxo en valor a ampla colaboración da Zona Franca de Vigo coa Concellería de Promoción Económica de Pontevedra (que dirixe Yoya Blanco, número 2 da lista de Puentes), «coa que xa estamos a desenvolver un Plan Estratéxico que permitirá establecer as fortalezas desta cidade» e onde xa teñen previsto impulsar outros proxectos de carácter público-privado no polígono do Campiño.