Seguir sendo Capital Gastro, un obxectivo

Capital gastro

Que Pontevedra debe ser Capital Gastro é un feito indiscutible como así manifestaron a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e candidato á Alcaldía, Iván Puentes, xunto a concelleira de Promoción Económica e número 2 da candidatura, Yoya Blanco, mentres probaban o mellor almorzo da cidade elixido polos veciños e veciñas na última edición do certame Pontealmorzo en ‘El Huerto del Cura’.

Mentres se deleitaban dunha exquisita proposta composta por bagel de xamón, aguacate e ovo revolto acompañado de café e zume natural de mazá e cenoria, os socialistas mantiveron unha conversa na que eloxiaron o alto nivel dos participantes de Pontealmorzo e de toda a hostalería de Pontevedra, así como dun persoal cada vez máis formado e implicado por conseguir a excelencia no sector. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, sinalou a necesidade que ten Pontevedra de diferenciarse dos demais destinos turísticos, algo que xa está a facer a través de propostas que “premian a excelencia, a calidade e o bo facer dos hostaleiros” como Pontealmorzo ou Pontevedra Capital Gastro.

“Pontevedra é unha cidade atractiva para o turismo de experiencias, onde a gastronomía xoga un papel fundamental” -sinalou-, “conta cunha cultura gastronómica digna de presumir xa que non hai produto como o noso, un produto diferenciador que nos fai únicos, algo indispensable para traballar neste turismo de emocións, dándolle un atractivo especial á cidade e que amosan eses valores que nos fan ser diferentes”. Silva mantén que Pontevedra ten que ser Capital Gastro xa que pode “presumir con feitos” de todo o que se ven de facer no último mandato dos socialistas.

Pola súa parte, o candidato socialista á Alcaldía, Iván Puentes, lembrou que “almorzar na rúa é saúde e cambio climático” e de aí o seu obxectivo de “traballar o produto de proximidade, o produto local que se produce en Pontevedra, na súa comarca e no seu entorno”. Puentes indicou que a través destas iniciativas é posible “sensibilizar aos veciños e veciñas en comer de xeito natural contribuíndo a mellorar a nosa saúde e á vez, loitar contra os efectos do cambio climático, xa que calquera accións do día a día como esta, aportan o seu graniño de area para reducir emisións e para promocionar a empregabilidade local vinculada a todo o sector”.

O candidato conta con potenciar no seu vindeiro mandato municipal, dúas áreas complementarias: “a de saúde e a de promoción económica facéndonos sentir e experimentar ademais de educar, e outra área que contribúa a unha cidadanía máis saudable, a través da práctica deportiva”. A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, recordou que “Pontevedra Capital Gastro é unha marca moi forte que está a relanzar o turismo gastronómico, un sector que trala pandemia estivo moi castigado, polo que é preciso fomentar a actividade”, e comprometeuse a “traballar nesta potente marca que é Pontevedra Capital Gastro” no próximo mandato como concelleira.

Unha campaña sólida e optimista en toda a provincia

A presidenta da Deputación aproveitou para eloxiar a potente campaña electoral que está a desenvolver o partido socialista na provincia, “unha campaña forte e optimista, que presenta un proxecto moi ambicioso, cun programa sólido en todas as áreas”. Silva subliñou que o PSOE “é a única forza política da provincia de Pontevedra á que avalan os feitos” e recordou “a falta de inversión da Xunta de Galicia que destina fondos unicamente nos concellos nos que ten o liderado”.

Carmela Silva amosouse “convencida” de que o PSOE de Pontevedra será “a primeira forza política”, xa que propón un modelo de vida e de cidade. “Somos a única forza política que pode demostrar o que fixo, con pavillóns, auditorios, bibliotecas e moito máis” -sinala-, “non precisamos facer comilonas á vella usanza que recordan a outra época, a un modelo antigo que tenta comprar vontades; os veciños e veciñas asisten aos nosos actos porque mirámoslle aos ollos e falamos con todos e todas”. A presidenta engadiu que para os populares “a política é unha reconquista, non un medio para cambiar a vida das persoas; o PP está ocioso, preocupado triste e incluso malhumorado, mentres que os socialistas estamos alegres e somos optimistas xa que facemos un traballo nesta provincia con moito esforzo para estar ao carón da xente cunha campaña de proximidade polo que sei que teremos uns resultados extraordinarios”.

Silva salientou que Pontevedra é un “exemplo de goberno, un modelo en toda Europa” grazas á xestión levada polo partido socialista en toda a provincia, que continuará “sendo un gran goberno” e que fará “o que sexa para gobernar nas alcaldías de Cangas, Moraña e Rodeiro, para demostrar con claridade que cando gobernan os socialistas as cousas cambian de verdade”.

No mesmo senso, Iván Puentes apuntou que “nas rúas existe un desexo por iniciar un tempo novo en Pontevedra, sen destruír nada do feito, pero coa vontade de darlle un meneo á cidade, de darlle un aire fresco e un novo impulso”. Unha idea que segundo Puentes vese reforzada a través das enquisas: “existe un gran número de indecisos votantes do BNG nas eleccións anteriores e que senten a necesidade de abrirse a un novo tempo. O PSOE parte das mellores previsións dos últimos 15 anos en calquera enquisa, tanto no referido a intención directa de voto como en estimación de voto, e a corporación que elixa a cidadanía terá moi pouco que ver co reparto actual de escanos na cidade, cunha tendencia de descenso do BNG e de estancamento do PP”.

O candidato engadiu que “con ese desexo de menear a cidade e sabendo que a única alternativa é un Goberno socialista, os resultados serán moi positivos nesta campaña para conseguir a Pontevedra que vén”.