Un inicio de campaña festivo e creativo

Un retrato do candidato pintado en vivo polas persoas que o acompañan na candidatura
YDRAY-20230512_000636

Música e arte marcaron o inicio de campaña que tivo lugar na Praza de España, diante do Concello, ás cero horas do día 12 de maio. Por diante, quince días de encontros intensivos, mensaxes positivas e reflexións en alto sobre o futuro da cidade.

Iván Puentes e o seu equipo marcaron diferencias sobre o resto das candidaturas, e non só pola música que acompañou a velada, senón tamén pola versión do afiche electoral que Carmen Hermo realizou en directo, coa participación do propio candidato aos pinceis.

A intervención artística foi deseñada por Carmen Hermo, número 6 da lista liderada por Iván Puentes, como un traballo coral no que tódolos membros da candidatura e os militantes participaron pintando un retrato do propio Puentes coa paleta multicor empregada na cartelería da campaña. O cadro foi pintado ao vivo, a partir dos trazos do rostro debuxados previamente por Hermo.