O programa electoral co que o PSOE de Pontevedra concorre ás eleccións municipais do 28 de maio contempla a creación dun Parque de Vivenda de titularidade municipal que permita dar resposta á forte demanda de alugueiro social existente na nosa cidade e a necesidades específicas urxentes (aloxamento de mulleres/núcleos de familias vítimas de violencias, persoas en risco de exclusión social por desafiuzamentos, refuxiados…).
Un Parque Municipal que se iría consolidando coa incorporación de entre 50 e 60 vivendas en cada mandato e cuxo obxectivo esencial sería poñelas a disposición en alugueiro económico para familias ou colectivos sensibles: emigrantes, parados de longa duración, familias con poucos recursos, mocidade en proceso de emancipación, pensionistas con baixas pensións…
Os socialistas tamén avogan por crear unha Oficina Municipal Permanente de información en materia de vivenda, alugueiro, compra, rehabilitación e mellora da eficiencia enerxética, así como por incentivar o uso de vivendas desocupadas en réxime de alugueiro con medidas complementarias de carácter fiscal (reconsideración de taxas municipais de licencias de rehabilitación de vivendas dedicadas ao alugueiro, bonificacións no IBI…).
Estas e outras medidas, incluídas no Plan de Vivenda deseñado polo PSOE para o período 2023-2027, foron debulladas esta tarde polo seu candidato á Alcaldía, Iván Puentes, no marco da mesa redonda aberta ao público ‘Hoxe falamos de… Vivenda’, que se celebrou no Gastroespazo do Mercado de Abastos, que estivo moderada por Fernando Baena, arquitecto da Facenda Pública, e na que compartiu coloquio con María Pierres, arquitecta da delegación pontevedresa do Colexio de Arquitecto de Galicia (COAG), e Rocío Carrera, asesora inmobiliaria.
No transcurso das súas intervencións, Puentes fixo fincapé no exponencial encarecemento do prezo da vivenda que se ten producido en Pontevedra durante os últimos anos, «facendo que nestes momentos sexa practicamente unha entelequia alugar un inmoble de dúas habitacións no centro da cidade por menos de 600 euros ao mes». «O Concello non pode quedar de brazos cruzados -afirmou o cabeza de lista do PSOE- e debe adoptar medidas que permitan aos nosos veciños o acceso á vivenda a un prezo razoable. Ademais de valernos dos aproveitamentos urbanísticos que nos corresponden polo desenvolvemento de determinadas promocións privadas, temos que acadar acordos con particulares e con outras administracións, crear un Parque Municipal de vivendas en alugueiro a prezos económicos e constituír reservas municipais de solo dedicadas á promoción pública de vivendas, residencias e albergues».
Iván Puentes volveu incidir na necesidade de que se desbloquee a revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) «a fin de deseñar o crecemento do concello dun xeito ordenado, de axilizar os trámites de concesión de licencias e de delimitar os núcleos rurais, permitindo o asentamento de poboación nas parroquias». O líder socialista tamén considera fundamental acadar unha mellor detección das situacións de infravivendas e/ou chabolismo de familias vulnerables, incentivar a rehabilitación de vivendas e locais comerciais no casco vello e promover as cooperativas de vivenda.
«Unha Lei que desenvolve o dereito constitucional a unha vivenda digna»
O debate sobre vivenda desenvolvido esta tarde no Gastroespazo do Mercado coincidiu no tempo coa aprobación polo Senado (nunha sesión na que non compareceron para votar os ‘populares’ Alberto Núñez Feijóo, Miguel Tellado e Elías Bendodo) da Lei polo Dereito á Vivenda. Unha Lei que, como destacou Iván Puentes, «desenvolve o dereito recollido na Constitución a unha vivenda digna e supón un instrumento legal de tremenda utilidade para axudar a aqueles colectivos con máis dificultades de acceso, ofrecendo a comunidades autónomas e concellos diferentes ferramentas que contribuirán a conter ou reducir o prezo do alugueiro e a aumentar o parque de vivenda en alugueiro social».
Así, a nova Lei contempla a regulación dos parques públicos de vivenda para evitar operacións de venda a fondos de investimento, a calificación indefinida da vivenda protexida para garantir sempre un período de alomenos 30 anos, a reserva dunha porcentaxe mínima dun 50% para vivenda en alugueiro dentro do chan de reserva para vivenda protexida e beneficios fiscais para vivendas de titularidade privada con alugueiro a prezo reducido. Todas elas, cuestións que se atopan en absoluta sintonía coas propostas plantexadas polo PSOE pontevedrés en materia de vivenda.
73 vivendas asequibles nos terreos de Defensa en Mollavao e Campolongo
Tal e como lembrou o candidato socialista, o histórico compromiso do Goberno de Pedro Sánchez para atallar o problema do acceso á vivenda «tamén se traducirá aquí, en Pontevedra, na construción de inmobles a prezos económicos nos terreos que actualmente ten o Ministerio de Defensa nos ámbitos de Campolongo e Mollavao». «O Consello de Ministros -explicou-, vén de aprobar a adquisición de máis de 8 millóns de metros cadrados de terreos públicos propiedade de Defensa para levantar unhas 20.000 vivendas asequibles, das que Campolongo e Mollavao acollerán un total de 73».