O programa electoral deseñado polos socialistas para as parroquias foi degrañado esta mañá en Santa María de Xeve (en La Gruta, no lugar da Igrexa) no faladoiro ‘Hoxe falamos de… Rural’, protagonizado polo candidato á Alcaldía, Iván Puentes, e o número 5 da súa lista, Marcos Rey.
Entre as súas propostas contémplase a finalización das redes parroquiais de abastecemento e saneamento; a creación dunha marca verde de calidade para os cultivos das hortas e veigas das parroquias; transporte público gratuíto ou subvencionado en todo o rural, a potenciación dos ecoespazos ou o fomento de micro comunidades enerxéticas.
No paquete de iniciativas tamén se inclúen bonificacións fiscais como a redución do IBI nun 30% para aquelas vivendas que non conten con conexión á rede de sumidoiros, mentres esta non se completa
Pontevedra, 23 de abril de 2023.- O programa electoral do PSOE propón a consideración de núcleos rurais como Áreas de Rehabiliación Específica, que permitan aos propietarios de vivendas contar con axudas públicas semellantes ás das Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) para acometer obras de restauración e renovación en base a uns determinados parámetros, mentres non se aprobe un novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). A medida foi anunciada esta mañá en Santa María de Xeve no marco do faladoiro ‘Hoxe falamos de… Rural’, que se celebrou na tapería La Gruta (lugar da Igrexa) e que estivo protagonizado polo candidato socialista á Alcaldía, Iván Puentes, e polo número 5 da súa lista, o concelleiro Marcos Rey.
Entre as propostas degrañadas no coloquio inclúese a prioridade de completar as redes parroquiais de abastecemento e saneamento; a axilización dun novo PXOM que permita definir os núcleos do rural pontevedrés, facilitar a súa edificabilidade e asentar poboación (agora mesmo existen fincas non edificables con tódolos servizos e rodeadas de vivendas); a creación dunha marca verde de calidade propia para os cultivos das hortas e veigas das nosas parroquias, e a implantación de transporte público gratuíto (xubilados, estudantes, familias numerosas, persoas en paro…) ou subvencionado (para o resto de pasaxeiros) en todo o rural, onde o billete ronda actualmente os 1,5 euros, xa que o transporte a demanda ten un uso urbano e o seu custe é superior ao do transporte urbano e interurbano.
Ademais, o programa deseñado polos socialistas para o rural tamén contempla a creación dun banco de terras que se atopan en situación de abandono para que se lle poida dar un uso social (como hortas rurais por exemplo), o fomento de micro comunidades enerxéticas para evitar pobreza neste eido e determinadas bonificacións fiscais: a redución do recibo do IBI nun 30%, en tanto non se proceda á dotación do servizo, para aquelas vivendas que non conten con conexión á rede de sumidoiros; e a eliminación (ou bonificación dunha porcentaxe) o imposto de rehabilitación de vivendas do rural, así como a exención de taxas para o seu mantemento e un convenio coa empresa adxudicataria para que o baleirado de fosas sépticas ou pozos negros non supere o custo de estar conectado.
Un mínimo do 10% do orzamento
Tal e como subliñou Iván Puentes ante a veciñanza que asistiu ao faladoiro, «nas 15 parroquias que conforman o rural de Pontevedra (Alba, Bora, Campañó, A Canicouva, Cerponzóns, Lérez, Lourizán, Marcón, Mourente, Ponte Sampaio, Salcedo, Santa María de Xeve, Santo André de Xeve, Tomeza e Verducido) vive aproximadamente o 40% da poboación, máis de de 33.000 homes e mulleres que teñen ese espazo como o seu lugar de residencia e que padecen un desequilibrio notorio de investimentos en relación ao centro urbano»que se inviste no centro». «Os socialistas -asegurou Puentes- entendemos que os núcleos rurais deben acadar o liderado que lles corresponde e por iso comprometémonos a destinar un mínimo do 10% do orzamento a investimentos a mellorar as condicións de vida dos habitantes das parroquias, mellorar os seus servizos e asentar a poboación nos nosos núcleos, facendo que o modelo de cidade se transforme en modelo de concello».
En opinión do candidato do PSOE, é imprescindible «trazar unha folla de ruta para o remate do saneamento, sen que sexa lesiva para a veciñanza: non pode ser que un usuario teña que aboar, ás veces, máis de 10.000 euros por engancharse á rede, tal como aconteceu en Santo André de Xeve». Ademais, Iván Puentes quere levar a subministración de auga a todas as zonas do rural; impulsar un Plan de Melloras de Rúas (asfaltado, limpeza de cunetas, alumeado…), aprobar unha ordenanza específica que recolla as peculiaridades das parroquias e regule asuntos como a limpeza das fincas e asinar un convenio coa Universidade para o desenvolvemento do concepto de ecoespazos que potencien as enerxías renovables e a arquitectura bioclimática.
Creación dun viveiro de empresas e zonas 30 en estradas sen beiravía
Segundo explicou Marcos Rey, no programa socialista tamén figura a creación dun viveiro de empresas «que permita avanzar na profesionalización e formación en materia de cultivo e comercialización dos produtos agrícolas e gandeiros», a limitación a 30 km/h daquelas estradas municipais que carezan de beiravías e a rehabilitación dos camiños veciñais primitivos «para convertelos en vías verdes rurais, fomentar o sendeirismo e o uso da bicicleta e facilitar o acceso ás parcelas, previndo deste xeito o seu posible abandono».
«Consideramos esencial -afirmou Rey- mellorar a iluminación pública, acadando o alumeado en led en tódalas parroquias e eliminando os puntos cegos que poidan existir; incentivar o uso do transporte público cun incremento da frecuencia, estudando as horas puntas de demanda, aplicando prezos bonificados en función do uso e acadando a gratuidade para menores de 19 anos, estudantes e persoas que non cheguen ao Salario Mínimo Interprofesional (SMI)».
Así mesmo, o PSOE márcase como obxectivo o fortalecemento e recuperación do tecido social e cultural das parroquias e a potenciación do exitoso programa municipal Proponte Rural, orientado como espazo de cooperación, coordinación e escoita activa entre as distintas asociacións e o Concello.