O programa deseñado polo PSOE pontevedrés de cara ao 28 de maio proxecta a creación dunha Cidade do Deporte que, sumada á rede de infraestruturas deportivas existente no noso municipio, permita dar resposta ás demandas de espazos de xogo e adestramentos dos clubs de fútbol e dos afeccionados ao balompé.
Un moderno complexo deportivo, promovido en colaboración coa Xunta e o Pontevedra CF e que contará cunha pista de atletismo cuberta, habilitando unha instalación municipal que desde hai tempo reclama a comunidade de atletas da nosa cidade e que permita a programación e continuidade nos seus adestramentos á marxe do clima, así como a celebración de campionatos e eventos deportivas.
A proposta foi anunciada esta mañá durante un novo coloquio a pé de rúa no que, baixo o título de ‘Hoxe falamos de… Deportes’, o candidato socialista á Alcaldía, Iván Puentes; o secretario xeral das Xuventudes Socialistas de Pontevedra, David Fraga, xogador do Pontevedra CF, e o presidente do Club Naval, Carlos Paz ‘Carletes’ (ámbolos dous na súa lista electoral), expuxeron algunhas das principais medidas do programa do PSOE en materia deportiva. No transcurso do faladoiro, celebrado na Praza da Peregrina, Puentes lamentou que «unha cidade que ten o deporte como signo identitario e na que se practican tantos deportes, dispoña de escasas instalacións deportivas», polo que subliñou o seu compromiso coa dotación de novas infraestruturas no vindeiro mandato.
«Consideramos imprescindible -asegurou- que se incremente o número de campos de herba artificial, homologando algúns deles para múltiples deportes, como o fútbol, o rugby ou o béisbol; que se constrúan novos pavillóns municipais, e que se organice desde o Concello o uso dos pavillóns escolares, co obxectivo de poñelos a disposición de clubs de tódalas disciplinas fóra do horario lectivo e de incrementar así a oferta de horas de pista».
Na súa opinión, «tamén os deportes de auga precisan de máis e mellores instalacións e, nese sentido, imos potenciar o uso do río Lérez para esta finalidade e a chegar a un acordo definitivo para asumir a xestión da piscina olímpica de Ponte Muíños». Tal e como sinalou, «cómpre dar unha resposta contundente para reactivar esta instalación punteira, que se atopa entre as cinco mellores de España na súa categoría, e nós plantexamos asumir a xestión directa da mesma mentres non se resolvan os impedimentos xurídicos para unha nova adxudicación».
Acordo para permitir o uso do campo de fútbol 8 do IES A Xunqueira I
Tanto Iván Puentes como David Fraga fixeron fincapé na necesidade de «imprimir un pulo definitivo para que a Xunta cumpra dunha vez co seu compromiso e faga realidade unha instalación que acumula máis dunha década de atraso: o Centro Polideportivo da Parda». Asemade, o programa deseñado polo PSOE no eido deportivo recolle a proposta de mellorar o campo de fútbol do CEIP A Xunqueira II, instalando herba artificial, permitindo os adestramentos dos clubs en horario non lectivo e integrándoo no Complexo Manolo Barreiro. «En paralelo -apuntou David Fraga-, formalizaríase un acordo coa Xunta para permitir o uso de campo de fútbol 8 do IES A Xunqueira I».
Os socialistas tamén promoverán a formalización de acordos ou convenios de colaboración con entidades sociais, culturais e deportivas do municipio que dispoñan de instalacións e equipamentos deportivos, de xeito que poidan ser empregados polos clubs da cidade para os seus adestramentos. A mellora da xestión administrativa do deporte mediante o uso de novas tecnoloxías que permitan maior eficacia, transparencia e celeridade; a inclusión dos criterios da eficiencia enerxética e o respecto polo medio ambiente nas obras de mantemento e reforma das instalacións; e a elaboración dun inventario das instalacións deportivas municipais e dun programa de mantemento que garanta a súa óptima conservación, son outras das proposicións do PSOE de cara á cita electoral do 28 de maio.