Os 25 millóns de euros comprometidos polo Ministerio para a Transición Ecolóxica co candidato do PSOE, Iván Puentes, farán realidade unha profunda transformación de toda a franxa fluvial de Pontevedra. Dentro dese gran proxecto de renaturalización dos ríos denominado Pontevedra Flúe, o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, incluíu a proposta de creación das Terrazas do Lérez, unha intervención consistente en rehabilitar a zona de transición entre o río e a cidade nos treitos que discorren entre as pontes dos Tirantes e O Burgo, eliminando o actual muro que canaliza o Lérez e substituíndoo por unhas bancadas horizontais que descendan cara ao río a xeito de terrazas.
Ademais de permitir unha transición máis amable e natural, cunha vexetación propia dunha ribeira fluvial que potenciará a súa riqueza biolóxica, tal e como avanzou hoxe a número catro da lista socialista, Paloma Castro, «estes novos espazos estarán concibidos para que poidamos mollar os pés no río e realizar un paseo agradable, contarán con zonas de sombra e solarios e estarán dotados de mobiliario axeitado para tomar o sol, de xeito que a cidadanía poida utilizalos como se fosen unha praia». «A conversión das beiras do río en suaves terrazas traducirase nunha serie de plataformas dispostas de xeito escalonado cara ao río, que constitúan unha suave pendente e que conserven na súa zona inferior o leito natural do río, eliminando o actual muro de cemento».
Deste xeito debuxou Castro as futuras Terrazas do Lérez despois de protagonizar un paseo en piragua entre o Club Naval e a cabeceira norte da Ponte do Burgo, acompañado por outros membros da súa lista electoral (Carmen Hermo, Roberto Taboada e Carlos Paz). Segundo avanzou, «o proxecto plantexa a mellora do paseo e a conservación da súa función de mobilidade peonil e ciclista, suprimindo a mobilidade motorizada en Rafael Areses». «A intervención -apuntou- implicaría a eliminación da rampla de acceso que comunica o párking do Pazo da Cultura co parte superior do parque Rosalía de Castro, deixando como único acceso o que comunica directamente coa avenida de Compostela. Tamén se liberarían de coches tanto a plataforma inferior, que actualmente está pavimentada, como a propia rúa».
Un río mimado, acolledor, solleiro e apetecible
Paloma Castro explicou que a elaboración do proxecto técnico «terá en conta as solucións baseadas na natureza, adoptando aquelas fórmulas máis sostibles e amables co medio natural, de tal xeito que o resultado sexa beneficioso para o ecosistema». «Partindo dunha liña fluvial pouco agradecida, do aspecto duro que ofrece a beira do Lérez na fachada que discorre por diante do Pavillón dos Deportes e o Recinto Feiral, o proxecto Terrazas do Lérez aspira a ter unha forza icónica capaz de converterse nun novo símbolo da cidade, ofrecendo tanto aos pontevedreses como a quen nos visita novas postais urbanas dun río mimado, utilizado, acolledor, solleiro e apetecible», precisou.