“Só o PSOE lle pode dar a Pontevedra o que hoxe precisa: renovación, ganas, solvencia e ilusión”

Iván Puentes, de 43 anos, é o candidato do PSOE á Alcaldía de Pontevedra. Xa amosou no mandato que remata as súas capacidades de xestión á fronte da Concellería de Desenvolvemento Sostible. 

Acadou para Pontevedra a meirande parte dos fondos europeos captados polo Goberno Local e logrou, a través da estratexia de renaturalización e loita contra o cambio climático Pontevedra Flúe, un dos maiores compromisos de investimento público da historia da cidade: máis de 25 millóns do Goberno de España para a recuperación medioambiental das ribeiras do Lérez, entre as pontes dos Tirantes e As Correntes, A Xunqueira de Alba e a parcela do antigo campo de fútbol de Ponte Sampaio.

Como imaxina a Pontevedra que vén?

A Pontevedra de hoxe en día é unha cidade fermosa, pero adormecida. Non nos podemos permitir o luxo de pasar outros catro anos nos que a única incógnita, o único reto da cidade, sexa saber o nome da vindeira rúa que se vai peonalizar.

Non quero outros catro anos nos que sigamos falando só de cemento, ollándonos cara ao o embigo mentres o tempo e as oportunidades nos pasa por diante cada día no que parece un partido de tenis entre Vigo e A Coruña. Quero que, ademais da cidade da peonalización, Pontevedra sexa tamén a cidade do emprego, do dinamismo empresarial, da loita contra o cambio climático, do liderado, da cultura, da sanidade pública, da vivenda accesible, das políticas sociais, do ensino de calidade, do diálogo aberto, da diversidade, da integración, das mulleres, dos nenos e nenas, do comercio, das festas para todos e para todas… Quero situar a Pontevedra no tren do futuro.

Que lle pode ofrecer o seu equipo a Pontevedra?

Lores funcionou, pero o BNG xa non dá máis de si. O seu esgotamento xa se palpa na rúa. Pontevedra ten que espertar. Hai que meterlle unha nova marcha á cidade e isto só o pode facer un novo equipo de goberno, con xente que veña con ganas de traballar de sol a sol pola súa cidade. Uns están cansos e desganados e outros non teñen ningunha posibilidade de chegar á Alcaldía.

Só o Partido Socialista lle pode dar a Pontevedra o que hoxe precisa: renovación, ganas, solvencia e ilusión. Temos o mellor equipo. Somos o único partido que renovou ao seu cabeza de lista e a unha boa parte da candidatura.

Unha candidatura que ten unha media de idade de 49 anos entre os dez primeiros postos, e de 44 anos entre os lugares de cabeza. Combinamos experiencia municipal e de xestión de goberno con frescor, renovación e novas ideas.

Por que a cita do 28 de maio é crucial para o futuro da nosa cidade?

Estas non son unhas eleccións máis, son unhas eleccións decisivas, transcendentais, para decidir que queremos que sexa Pontevedra durante as vindeiras décadas. O 28 de maio temos pois unha cita electoral histórica.

Fronte fronte á cerrazón e á realidade paralela nas que vive ancorado o BNG e o mundo apocalíptico que nos relata o PP, o Partido Socialista é a única alternativa real, fiable, con experiencia de goberno contrastada, capaz de conservar o moito e bo que nestes 24 anos deixou o modelo de cidade que contribuímos a desenvolver e, ao mesmo tempo, de saciar a fame que ten a sociedade pontevedresa de abrir un novo tempo. O único partido capaz de ofrecer futuro e ilusión.