O programa electoral deseñado polo PSOE inclúe entre as súas iniciativas a creación dunha marca específica para o Nadal pontevedrés, que aproveite o ‘ciclón vigués’ e complemente a súa oferta para conseguir que parte do público que se achega nesas datas á cidade olívica tamén recunque en Pontevedra.
Un Nadal de Conto que se traduciría na convocatoria dun concurso de contos e na selección dos mellores relatos presentados para recrear, a partir dos seus argumentos, escenarios monográficos en diversas prazas e espazos públicos do municipio. Máis información aquí.
A proposta foi anunciada na Praza da Peregrina polo candidato á Alcaldía, Iván Puentes, e maila súa número 2, Yoya Blanco, no marco do coloquio ‘Hoxe falamos de… Promoción Económica’, no que os socialistas expuxeron as súas principais ideas e proxectos en materia de dinamización económica, comercio e emprego.
Tal e como sinalou Puentes, «a cidade debe estudar novas fórmulas para a celebración do Nadal, caído na rutina e, o pasado ano, vítima dunha nefasta xestión en algo tan básico como a instalación do alumeado, o que afondou no debate cidadán sobre a necesidade de reconectar este período festivo, que supón un momento de consumo moi importante para as empresas locais, en especial as do sector comercial e hostaleiro, coa economía local».
Ao seu xeito de entender, «o desbordante éxito do Nadal que puxo en marcha a cidade de Vigo, exuberante en recursos lumínicos, non pode verse con resignación ou desencanto en Pontevedra, senón converterse nun estímulo para lograr que parte dos seus visitantes recalen tamén na capital». «Pero debémolo facer non competindo, senón complementando, creando unha marca diferenciada capaz de atraer público diverso de fóra da cidade e maridando creatividade literaria, escenografía e relato: convocando un concurso de contos, escollendo un número determinado deles e creando escenarios monográficos dedicados a contos específicos, con elementos físicos alusivos ao argumento do relato, en diversas prazas da cidade», indicou Iván Puentes.
Segundo apuntou Yoya Blanco, concelleira de Promoción Económica de Pontevedra, «o obxectivo sería fomentar a interrelación co público a través de atrezzos temáticos que estimulen a fotografía popular». «Os contos -precisou Blanco- serían breves, editados en papel en galego, castelán e portugués, e se fose necesario tamén en inglés, pensados para distintas idades, desde a infantil ata a adulta, con variedade de xéneros e atendendo tanto a escenarios ou costumes tradicionais como contemporáneas».
Unha oficina específica e un PXOM que permita axilizar as licenzas
O programa dos socialistas tamén pretende impulsar a constitución dunha Oficina Municipal de Promoción Económica, Emprendemento e eEmprego co obxectivo de acadar fondos, axudas e subvencións en tódalas administracións, dándolle especial relevancia a liñas de partidas europeas como os Next Generation. Ademais, Iván Puentes incidiu na necesidade de desbloquear a revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) «a fin de xerar novo solo industrial e de servizos e de axilizar os trámites de concesión de licencias».
«Para os socialistas de Pontevedra -asegurou Puentes- é primordial a xeración de actividade económica na nosa cidade. Desde a Concellería de Promoción Económica, Yoya Blanco leva anos impulsando programas de emprego para os colectivos máis desfavorecidos, formación, talleres e axudas á contratación, así como axilizando e simplificando nos órganos municipais os trámites para o emprendemento, a constitución de novos negocios e a actualización e modernización dos xa existentes».
Unha plataforma dixital municipal de venda e distribución
Nesta mesma dirección, Yoya Blanco avoga por «un comercio local para a Pontevedra de hoxe, impulsando o comercio dixital e promovendo unha plataforma municipal de venda e distribución que adapte o comercio de proximidade ás novas formas de consumo e palie a competencia das grandes superficies». A número 2 de Puentes explicou que, de cara a converter a hostalería nun motor económico da cidade e de acordo co sector, «seguiremos apostando con forza pola marca Pontevedra Capital Gastro e axilizaremos e simplificaremos as licenzas de actividade, solicitándolle á Xunta a súa adaptación á realidade e aos modelos de negocio actuais».
Entre as propostas da candidatura socialista tamén se contemplan a promoción de encontros de emprendemento tipo ‘networking’, para impulsar proxectos e sinerxías (tendo en conta ás asociacións empresariais da cidade); talleres de formación e asesoramento para persoas emprendedoras (en colaboración cos colectivos empresariais); a creación de incubadoras e aceleradoras de empresas; o fomento do emprendemento feminino, e o desenvolvemento de programas de formación que faciliten o relevo xeracional e a transmisión de negocios.
A mellora da sostibilidade na hostalería e o fomento dos produtos de proximidade e de km 0 en todo o comercio, incluíndo os mercados e feiras, tamén están previstos nun proxecto de dinamización económica que contempla a sinatura dun convenio coa Universidade de Vigo, o impulso de accións de apoio ao comercio local, con campañas puntuais e periódicas de consumo, e o respaldo á Feira Pont-Up Store (con premios de emprendemento).