Revivir Raíña Vitoria: unha enorme praza reverdecida e amable

Raiña victoria

Fronte ao enrocado debate entre reabrir ou non reabrir no que se atopan instalados ‘populares’ e nacionalistas, o candidato do PSOE á Alcaldía de Pontevedra, Iván Puentes, deseñou un plan que permitirá ‘revivir’ a avenida Raíña Vitoria.

Un proxecto que propón acometer unha reforma integral desta rúa e do seu contorno, abríndoa ao Parque das Palmeiras e transformándoa nunha vía de plataforma única que incrementará o espazo peonil e posibilitará o paseo de vehículos para residentes e para o acceso a comercios e servizos, ao tempo que se poida empregar tamén como unha gran praza pública.

Os detalles do proxecto foron desvelados esta mañá por Puentes nun acto celebrado en Raíña Vitoria, no que estivo acompañado por outros membros da súa candidatura (Yoya Blanco, Manuel Fariña, Paloma Castro e Marcos Rey) e no que exhibiu algúns planos que permiten visualizar o resultado das intervencións previstas. Tal e como subliñou o líder socialista, «o obxectivo fundamental non ten que ser simplemente volver ao pasado, senón darlle a esta rúa a vida e a actividade que non ten e que tampouco tiña no pasado».

«Nós plantexamos unha solución -explicou- que pretende manter o espírito do que se pretendeu con este peche abrupto da rúa hai un par de anos, é dicir, gañar espazo para a cidadanía, e que é o que se debería ter feito no seu momento: reurbanizar toda esta zona e transformar isto, que era unha rúa gris da cidade sen máis, nun espazo de plataforma única e nunha enorme praza, das máis grandes que teremos no centro urbano, gañada para a cidadanía».

Ao mesmo tempo, o proxecto socialista resolvería un problema urbanístico existente nesta área, eliminando a barreira física entre o Parque das Palmeiras e a rúa Raíña Vitoria. Segundo precisou Iván Puentes, «isto faríase retirando o actual valado metálico e construíndo unha grada ao longo de toda a avenida Raíña Vitoria, conectando a rúa co Parque das Palmeiras».

Ademais, daráselle solución ao importante problema de accesibilidade que teñen a Alameda e As Palmeiras, xa que o único acceso do que nestes momentos as persoas con mobilidade reducida é darlle toda a volta a este grande parque e acceder á altura do Cafetín. «Na zona na que non hai grada -apuntou o candidato do PSOE- aproveitaríamos para facer unha rampla que permitiría ese acceso de persoas con mobilidade reducida a este espazo».

Pecharíase para albergar espectáculos

No que atinxe aos usos, os socialistas agardan que a gran praza proxectada se converta nun recinto de espectáculos, con zonas para lecer e actividades de ocio, pero pola que en días laborables, nos momentos nos que maior demanda existe por parte da cidadanía, poida pasar un tráfico controlado de vehículos. Deste xeito, afirmou Iván Puentes, poderemos «acompasar o uso peonil da praza coa demanda dos veciños da zona de poder acceder por esta plataforma única para tres cousas que son as razoables e básicas: para acceder ás vivendas (para os residentes en Campolongo), para acceder aos negocios e á hostalería local que temos nesta zona e tamén para todo tipo de servizos (carga e descarga, ambulancias e emerxencias…).

«O espazo que gañaríamos sería inmenso, xa que estamos a falar de ter un único carril sobre esta plataforma, que os días que precisáramos empregalo para esa programación cultural e de lecer na cidade, estaría pechado, e nos días que non, pasarían os vehículos con limitación de motivos para acceder e calmado de tráfico absoluto (unha plataforma única na que se aplicaría, como en outras zonas da cidade, a convivencia de tránsitos con preferencia peonil)… Con isto evitaríamos o que estamos de acordo en evitar todos, que é que crucen por aquí os tráficos de pasada entre as estradas de Vigo e de Sanxenxo, logrando que toda esa xente que non precisa pasar por aquí para nada, chegue antes dando a volta por beiramar, ou incluso indo ata o nó de Ence e enganchando alí a autoestrada para ir ao nó do Pino, que atravesando por Raíña Vitoria». 

Unha solución que combina o bo de dúas propostas extremas e que permitirá reverdecer unha zona na que o cemento é agora o protagonismo

En opinión de Puentes, a solución do PSOE «combina o bo das dúas propostas extremas, que son reabrir como estaba ou mantela pechada como está, e dá resposta ás necesidades dos veciños e veciñas». Por outra banda, á marxe da redución considerable do tráfico, o proxecto socialista ten unha vocación verde e de sostibilidade, ao salvagardar na grada plantexada as especies arbóreas existentes (esencialmente magnolios de flor branca que delimitan o encontro entre Raíña Vitoria e As Palmeiras) e propoñer unha intervención verde, con céspede e plantación de novas árbores (que acheguen sombra a unha zona algo inhóspita nos días de calor) na faixa que dá cara ao IES Sánchez Cantón.

«Imos reverdecer unha zona na que o cemento é o grande protagonista a día de hoxe. Tanto os pavimentos como as zonas máis próximas ao instituto serán drenantes, axudando a combater o foco de calor provocado polo asfalto, controlando as temperaturas e mellorando a filtración da auga», salientou o candidato do PSOE.

Iván Puentes aclarou que «habería un único carril, xa que queremos preservar o maior espazo posible para as persoas tódolos días do ano», sendo os criterios técnicos (o Plan de Mobilidade) os que deben determinar, en función dos tráficos prioritarios, se é de entrada ou de saída. Puentes asegurou que os tráficos de axitación «controlaranse exactamente igual que en calquera outra rúa da cidade que nestes momentos ten sinais de ‘prohibido, agás servizos’, das que hai infinidade de casos en toda Pontevedra e o control é policial».

Máis info sobre a proposta de Raíña Victoria aquí